¡ARRE HO! | O |
14 ene 2004 . Actualizado a las 06:00 h.SÓ NOS damos de conta cando a morte agarra a alguén polas solapas e o arrastra a el e máis ao seu ciclomotor debaixo dun monovolumen despistado. E, para iso, sen dármonos por aludidos. Ante os accidentes de tráfico, nesta parte do mundo óptase polo movemento do péndulo. Primeiro faise unha cousa: hai máis control da velocidade e da taxa de alcolemia, deséñanse estradas máis seguras, fabrícanse automóbiles mellor equipados. Logo, óptase pola contraria: sacar o carné de conducir segue sendo un chiste bastante caro e ata hai minicoches que non necesitan permiso para circular, nas autoestradas cólanse grupos de cans cada dous por tres, o altísimo prezo dos seguros -se un ten a sorte de que llos fagan- obriga a moita xente nova a conducir sen eles... Por non falar dos transportes públicos: aínda que eu siga convencido de que hai unha porcentaxe notable de galegos que cren que aqui xa hai AVE de tanto velo pola tele, os trens neste país son aínda penosos -e o que lles queda-, cando poderían ser a alternativa para moita xente que odia conducir, e que o único que fai nas estradas é padecer coa tensión e enervar aos outros automobilistas. Pero váianlle agora co conto ao rapaz que morreu antonte pola noite na estrada vella de Marín.