¡ARRE HO! | O |
15 dic 2003 . Actualizado a las 06:00 h.O QUE fixo Lauryn Hill o outro día no Vaticano non foi máis que poñer as cartas sobre a mesa e cantarlles as corenta a un grupo de tipos pouco acostumados a escoitar o que non queren escoitar. A vocalista americana deixou pampa á curia na gravación dun concerto de Nadal en Roma: antes de actuar, e rodeada de purpurados -auditorio tope enrollado, ¿verdade?-, dixo en voz ben alta que xa estaba ben de facer caixa a costa de vender a marca Deus. É bastante posible que o programa non chegue a ver a luz, polo menos na forma na que foi rexistrado: a encargada de emitilo era unha televisión de Berlusconi, así que é probable que á cinta lle caia a tesoira. Pese a todo, non vai ser difícil presenciar o momento en Pontevedra: Hill, que ademáis de facer moi bos discos -ten un desenchufado delicioso- é unha gran comercianta, ocupouse de que un amigo estivese cunha cámara doméstica no evento. Non sei de que se sorprenderon os bispos, arcebispos, cardenais ou sochantres, o que fosen, que estaban na sala. Ó fin e ó cabo, eles mesmos expresan a súa opinión continuamente, sen que ninguén llela pida, cun sentido da oportunidade e da boa educación tan aguzado coma o de Lauryn Hill. Ante 7.000 persoas, a cantante pediulles arrepentimento polos casos de pederastia que se deron no seo da Igrexa norteamericana; non hai moito, ante un auditorio bastante maior gracias ós medios de comunicación, un alto responsable da Igrexa española dixo que os condóns non servían como anticonceptivos, e o Papa, ó que escoitan millóns de persoas en todo o mundo, insulta cada vez que abre a boca ós homosexuais aducindo non sei que razóns marcianas. De dicir burradas, dicímolas todos, ¿non é xusto?