A presión do líder

MARTIÑO SUÁREZ

PONTEVEDRA

¡ARRE HO! | O |

20 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

POLO menos hai unha cousa no mundo na que non presumimos de ser os que máis. Xa se sabe: temos a industria pesqueira máis potente do mundo, aínda que nos reduzan as cuotas por todos os lados e os mariñeiros, segundo a Administración que os elevou ós altares hai uns meses, sexan uns tipos do máis patibulario; as novas tecnoloxías inventáronse en Psilicon Valley de puro milagre, porque onde realmente pitan, onde realmente lles dan lustre, é aquí; e que dicir da cultura, que triunfa en todos os eidos, desde a moda á poesía pasando pola narrativa -¡hei, Alfredo Conde, candidato ó Nobel!-, a escultura e o macramé. A todo iso hai que sumar a xa coñecida e indiscutida posición de Galicia no que a aporte calórico se refire, e que veña negalo Ferrán Adriá, que nin sequera cria porcos na traseira. Esta semana descubrimos que hai algo no que non somos os primeiros. Din en Montero Ríos que non é certo que as estradas de Pontevedra, e por extensión as de Galicia, sexan as máis malas e as que máis mortos fabrican de todo o Estado, como aseguraba un informe dun clube de automobilistas. Menos mal: polo menos hai unha cousa na que non debemos soportar a presión de ser os líderes.