¡ARRE HO! | O |
02 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.FÍXENSE no poder de convicción que me gasto que cando decidín designar sucesor ó meu habitual compañeiro de columna, o único que conseguín foi que me empaquetase este artigo por segundo día consecutivo. Por listo. Así que, en lugar de estar tomando cafés na Ferrería ou disfrutando dun retiro dourado en Quintos de Mora, poñamos por caso, por aquí ando de novo, escribindo isto cun ollo e co outro lendo que uns científicos buscan a maneira de fabricar patacas salgadas sen sal, e outros, edulcorante sen azúcar que non deixe o regusto amargo da sacarina. Sen embargo, o que resultaría toda unha revolución -e un negociete de coidado, que en todo hai que pensar- sería a invención de sustancias que nos fagan capaces de estar sen estar, de ser e de non ser. Xa sei que hai xente que é capaz de facer todo iso polo natural e sen drogas: tipos que venden pisos de luxo sen paredes, paisanos que converten Sanxenxo en Mónaco e a praza dos Praceres en Waterloo Station, canallas que humillan ó veciño sen teren que soportar despois o regusto amargo da mala conciencia. Outros, que non temos nin sucesor nin carácter, necesitamos unha axuda da ciencia.