Visa directa para a morte

MARTIÑO SUÁREZ

PONTEVEDRA

¡ARRE HO! | O |

26 jun 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

OS RAPACES de paila, que é como lle chaman na Coruña á aldea, nacimos adorando a velocidade. O primeiro regalo que quixemos foi unha vespino. A algúns compráronllela, pero a outros, con bo criterio, condenáronnos á tiranía do bonobús e das viaxes astrais do FEVE. Naquel momento pareceunos terrible, coma se nos borrasen da lista na que inscriben ós tipos que valen, e na que nunca aparecerán os nomes de tristes peóns coma nós. Ter unha moto era escapar do burato, un medio para chegar alí onde pasaba algo, un lugar que normalmente non era moito máis que a zona de copas da vila máis cercana. Despois pasámonos ás catro rodas. Si, entón empezamos a mirar por encima do ombro ós que seguían colgados da súa mobilete, e só reparamos moi por encima nos que pasaban zumbando, a cachapernas sobre a súa TZR. Nós tiñamos quizá un Seat 127 vello, rectificado, para facer trompos nalgún polígono industrial, ou, no mellor dos casos, un AX mil cen de segunda man, comprado despois de abrandar ós nosos pais a golpe de lágrima e de facer sustitucións estivais nalgunha empresa pouco escrúpulosa. Nel levabamos os amigos, quen di a Viveiro di a Pontevedra, quen di a Burela di a Vilagarcía, e de vez en cando iamos ás escondidas a Lugo para comprar un disco raro. Escapabamos, respirabamos. Algúns tiveron máis sorte. Adoradores do gas, coin­cidiron na casa cun pai con pouco máis que ofrecerlles que un GTI do paquete, 180 cabalos de potencia e o salpicadeiro cuberto por un tapete de ganchillo amorosamente tecido pola mamá. Agora fan carreiras na Costa da Sal, ou na estrada de Ferreira, e quitan unha visa directa para a morte. Que é outra maneira de escapar. Pero vaia unha gracia.