¡ARRE HO! | O |
26 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.POR RAZÓNS profesionais, servidor ten que asistir máis ou menos cada semana a iso que os compañeiros chaman «vestiarios» -que non bestirarios-, e que consiste basicamente en escoitar as explicacións dos adestradores de dous equipos sobre un partido que os acaba de enfrontar. O xénero, todo un clásico, resólvese case sempre da mesma maneira: o adestrador do conxunto gañador destaca a enorme valía dos futbolistas do rival, e o tremendo sobreesforzo que tiveron que realizar os seus para gañar; o perdedor xustifícase como pode, a sorte, o campo estaba embarrado, o árbitro era un paspán ou que o fútbol é así de inxusto. Se onte leron con atención o xornal verían que na política pasa algo moi parecido: sempre hai un dato positivo ou unha excusa á que agarrarse despois dunha noite electoral. E moito máis nun país coma este, no que nunca cambia nada, e no que un apelido ilustre e un par de amigos ben colocados en San Caetano bastan para manter o tipo de por vida. Feliz mandato.