Amizade polo deporte

PONTEVEDRA

DENDE A VENTÁ | O |

23 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

MARÍN acolle nestes días o Campionato Mundial de Pentatlón Naval. Trátase dunha competición que reúne delegacións das armadas de dezaoito países. O seu lema é Amizade polo deporte. Os veciños tivemos a oportunidade de comprobar esta máxima posta en acción o pasado mércores na cerimonia de inauguración na Escola Naval. O espectáculo foi impresionante, sobre todo para os centos de nenos de colexios de distintos puntos da provincia, que foron invitados pola organización a contemplar, desde primeira liña, un acto dificilmente repetible en Marín. A Escola Naval convertiuse nunha especie de pequena Babel, pero neste caso, a confusión de linguas non foi un castigo divino, senón un encontro de diferentes nacións. O desfile das delegacións foi breve pero chamativo. Fóra dos europeos, chamaba a atención a delegación de Sudáfrica, onde, nun primeiro e superficial vistazo, parece evidente que as discriminacións do apartheid van desaparecendo afortunadamente. Tamén, quizais por primeira vez, viuse en Marín un grupo tan grande de pakistaníes. Pero o prato forte foron as acrobacias dos cazas da patrulla Águila, do Exército do Aire español. Os pilotos sorprenderon gratamente ós asistentes, e os veciños encheron a centos o paseo marítimo. Pasarán días antes de que os avións desaparezan das conversacións cotiáns dos veciños. E ata o luns, as portas da Escola Naval están abertas para que todos os visitantes poidan ver as probas do pentatlón -moi variadas e tamén moi duras, polo menos eu non daría feito con ningunha-. Unha invitación máis para visitar Marín.