¡ARRE HO!
11 dic 2002 . Actualizado a las 06:00 h.NINGUÉN PODE imaxinar o que é espertar unha mañá, mirar pola ventá e dicir: aí vén outra vez. Despois dunha semana de pelexa co fuel oil, os mariñeiros galegos volven ter a ameaza na boca das súas rías. Estos días vimos que a Administración é unha especie de cruce bastardo entre o castelo de Kafka e a casa do Gran Hermano, pero tamén descubrimos unha nova xeografía do desastre. Despois duns días de desconcerto, por aí fóra empezaron a pronunciar Muxía, con xe, no canto de Mucsía , e os telediarios -está ben, só algúns- fixeron famosos, ou mellor dito visibles, ós veciños de Santa Mariña -disque todos teñen o pelo roxo-, o Monte Branco, Camariñas, Caión ou Bueu. Custoulle máis ó Ministerio de Fomento adaptarse á nova toponimia do horror. Hai uns días enviaba ós xornais un fax prometendo actuacións en concellos arousáns tan bizarros como Meario , Ailla ou, créanme que non lles minto, nada menos que Ribadavia . Ó final vai ser verdade iso que dicían por aí onte, cando Rajoy admitiu que a cousa está negra: se este di que hai chapapote nas rías, a marea negra sube ata O Carballiño. Abríguense.