Un monumento para todos eles

MARTIÑO SUÁREZ

PONTEVEDRA

¡ARRE HO!

05 dic 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

HAI imaxes que desbordan, e que cada tarde nos traen os compañeiros Xoán Carlos Gil e Ramón Leiro. Hai imaxes coma a de Lino Martínez e a súa tropa, enzoufados en fuel oil e posando a bordo do seu bateeiro, cansados pero satisfeitos, despois de ter parado a mancha á altura de Ons. Hai imaxes coma a de Harry, Gharrido, un de Bueu, meneando a cabeza, cabreado, mentres os mariñeiros da súa lancha pescan chapapote con culleres improvisadas. Ou coma a dos veciños da illa de Ons, eses que ata hai pouco non tiñan luz máis que unhas horas ó día, escarbando coas unllas na area das súas praias, que se volveron negras. Hai imaxes de homes e mulleres duros, ós que probablemente nunca lles chegue a interesar o libro sobre a rebotica de non sei que convento que anda a promocionar o seu presunto presidente mentres eles súan gotas de gas. Logo dirán que non hai nomes para poñerlle ás rúas, nin persoas que merezan unha praza. Pero eu pido un monumento para os que, de momento, nos salvaron do desastre maior. Aínda que, tal e como está o mundo, témome que llo acabarán facendo ós que marchan de cacería ou de fin de semana mentres os demáis quedamos co cu ó aire.