¡ARRE HO!
28 oct 2002 . Actualizado a las 06:00 h.CORRE O RUMOR entre os sufridos usuarios do tren que enlaza A Coruña e Vigo de que se o TRD -o convoi estrela da liña- chega tarde, a un devólvenlle parte do que custa o billete. Sen embargo, non hai nas estacións ningún cartel que o confirme, e os viaxeiros, entre a vergoña e a resignación, prefiren renunciar ós seus cartos antes de meterse en camisas de once varas. E menos mal, deben pensar na Renfe. Postos a ofrecer garantías e devolucións, podería propoñerse o seguinte: se vostede viaxa en día chuvioso e o tren de Santiago chega a Pontevedra con menos dun cuarto de hora de retraso, reintegrámoslle o que pagou polo seu billete. Estoutra oferta tampouco viría mal: se non se desespera mentres o tren queda parado durante vinte minutos en Portas, e se, ademáis, non lle dá unha lipotimia ó sentar xunto a esa calefacción infernal, regalámoslle un abono de dez viaxes. Menos mal que os que habituais do tren están curtidos. Onte cheguei a Pontevedra sentado ó lado dun rapaz gordecho que lía, impávido, nunha revista de culturismo, un artigo sobre os beneficios da creatina. Eu que sei, mentres o AVE decide se chega ou non, polo menos un ilústrase, que tempo hai.