¡ARRE HO!
02 sep 2002 . Actualizado a las 07:00 h.POUCAS COUSAS hai máis sobrecolledoras que o centro histórico de Lisboa, coas súas rúas rectas e empedradas, os seus edificios do Portugal que puido ser e o seu silencio sepulcral. Coma unha mazá, a cidade antiga apodreceu por dentro, e perdeu os seus veciños. As casas non teñen auga quente, e ás veces nin retrete, e instalalo, din alí, custa case tanto coma mercar un piso nas aforas. Un pode pensar que é un caso límite, unha especie de casa tomada , ó estilo de Cortázar, estendida a toda unha cidade: os habitantes, sitiados polo abandono e a couza, escapan das vivendas e tiran a chave ó sair. Por iso resulta tan curioso comprobar que case a metade das vivendas do casco vello de Pontevedra están baleiras. Servidor medrou nunha barriada de casas baratas - viviendas sindicales , pon á entrada do barrio un letreiro de pedra, con xugo e frechas incluídos- á que tamén chegou a despoboación. Mentres, segue funcionando a máquina de facer cartos do lobby da construcción, ó que, iso si, debemos agradecer que Ronaldo vista por fin de branco. De nada.