«O mexillón non forma parte aínda do marisco privilexiado»

La Voz

PONTEVEDRA

CARMEN G. DE BURGOS LA ENTREVISTA Xesús Castiñeira Martínez, presidente da Asociación de Mexilloeiros de Combarro O Consello Regulador do Mexillón acaba de subir os prezos do fresco, porque considera que a xente «non valora o que non paga caro». Entendido como unha medida de imaxe máis que de vendas, o incremento serve tamén para axudar a un sector, o mariñeiro, castigado polos temporais. Xesús Castiñeira, presidente da Amecomra, mantén que a mellor solución está na fallida central de vendas.

04 nov 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

-O Consello Regulador acaba de subir os prezos para que a xente o valore máis. ¿Como é iso? -O mexillón non forma parte agora do marisco privilexiado, porque non vale cinco mil pesetas (30,05 euros), e a xente non o valora. -¿Ten un tope a subida do prezo do molusco? -O tope vaino marcar o mercado, porque nós o que imos facer agora é ofrecer calidade. -¿Pero é viable que chegue a un prezo como o da nécora? -Non, é unha producción totalmente diferente, porque nécora hai pouca, pero moito mexillón. Sen embargo, noutros países como Francia, Italia ou Holanda o kilo custa trescentas pesetas, e en parte porque a demanda non dá abasto para cubrir a súa oferta. -¿Que outras medidas habería que tomar para aumentar o seu valor? -Hai que sair cun mínimo rendemento de carne, e facer máis promocións e máis marketing. -¿É rendible ter unha batea nestes días? -A día de hoxe si, e moito máis que antes. En 1994 pagábase un douscentos por cen menos que agora. -¿A que se debe? -Coa central de vendas que creamos no 97 conseguimos unificar os prezos e aumentar a calidade. E, aínda que a central deapareceu, o sistema de vendas quedou e o sector beneficiouse diso. -Sendo tan boa, ¿por que durou tres anos a central? -Polas diferencias internas de cada asociación. -¿É doado presidir un grupo como Amecomra? -Non, e en parte porque a asociación é moi asambleísta, sempre o foi. Ó mellor en parte a central non funcionou por ser tan piramidal. Todo ía moi lento ata chegar á base.