«De Sousa foi o creador da rede de evasión na que estaban as Touza»

O escritor presenta esta tarde o seu traballo no Museo Etnolóxico de Ribadavia


ourense / la voz

Vicente Piñeiro (Lugo, 1954) volve hoxe a un dos espazos aos que lle garda unha especial fidelidade. Na capital do Ribeiro andivo á procura das pegadas as irmáns Touza e en Ribadavia conseguiu testemuñas de primeira man, de xente que estivo na rede que tiñan para axudar a escapar aos que fuxían dos nazis, e a colaboración de persoas como o investigador José Ramón Estévez. No Museo Etnolóxico de Ribadavia presenta esta tarde (20.30 horas), na compaña do propio Estévez e de Clodio González Pérez, o seu libro Arístides de Sousa Mendes o Schindler portugués (Editorial Toxosoutos). Topógrafo de profesión, compaxinou o seu traballo coa faceta de escritor e ten publicado libros de teatro, narrativa e poesía. A súa obra Lola Touza, la Schindler Gallega foi finalista do Premio Oscar Wilde.

-Por que escolleu Ribadavia para a primeira presentación da obra?

-É un lugar moi querido para min e alí foi onde coñecín, de primeira man, a historia do protagonista deste libro. Daquela pareceume que o seu era dar a coñecer esta obra na vila.

-Quen foi Arístides de Sousa Mendes?

-Era o cónsul de Portugal en Bordeos e a persoa que, contra o criterio do seu país e do presidente Salazar -que declarou Portugal como neutral pero que nunca ocultou as súas simpatías polos movementos fascistas de Hitler e Mussolini-, asinou visados para que 30.000 persoas, das cales 12.000 eran xudeos, pudesen viaxar a Lisboa e fuxir da persecución dos nazis.

-Que relación había entre as irmáns Touza e De Sousa?

-Coñecéronse na etapa na que el era cónsul en Vigo e viaxaba en tren e paraba no quiosco que tiñan as Touza na estación de Ribadavia e alí tomaba o licor café e mercáballe as galletas. A amizade data do ano 1929. Anos máis tarde, Arístides de Sousa Mendes foi o creador da rede de evasión da que formaban parte as irmáns de Ribadavia. No caso do Ribeiro pasaron máis de cincocentas persoas, que grazas a esta xente lograron fuxir por Portugal e salvar a súa vida.

-A súa obra céntrase nunha fase moi concreta e nuns días da vida do portugués.

-En 1940 os alemáns ocupan París, logo de desbastar ás tropas francesas, e provocan un éxodo de medo e turbación en toda Europa. El é consul de Portugal en Bordeos e ve como a xente se xunta arredor do edificio, milleiros de persoas, pregando axuda para fuxir da persecución, do nazismo e da morte. Neses días nos que se centra a obra, do 14 ao 17 de xuño dese ano, Arístides de Sousa péchase para afrontar a crise que lle provoca esta situación. E decide desobedecer todas as intruccións explícitas do seu goberno e asinar milleiros de visados para salvar a aquelas persoas.

-Como afrontou a recreación?

-En Ribadavia facilitáronme referencias, datas e feitos; documenteime moito e tamén, obviamente, hai material en Internet porque a De Sousa se lle fixeron co tempo recoñecementos e a súa xesta foi recoñecida nomeándoo «Xusto Entre as Nacións». Tamén recollín referencias no Instituto Camoes, de Vigo. Con todos ese material a obra incide no seu debate interior, nos seus pensamentos, no que el tivo que sentir naqueles días no que estaba pechado nunha habitación decidindo que postura tomar.

-Un compromiso que rematou coa súa carreira.

-Salvou a milleiros de persoas e condeouse profesionalmente. Foi expulsado do corpo diplomático portugués e morreu na miseria e no esquecemento.

-Na obra que presenta hoxe hai referencias a nomes coñecidos.

-Entre os milleiros de persoas que se beneficiaron da coraxe e do compromiso ético e moral do cónsul portugués en Bordeos estaban Arnold Wiznitzer, profesor na Universidade de Viena, o médico republicano español Eduardo Neira, o banqueiro Rothschild, Salvador Dalí e Gala Éluard ou o rabino Chaim Kruger.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

«De Sousa foi o creador da rede de evasión na que estaban as Touza»