Cristina Castaño recibirá o premio Rebulir

La Voz OURENSE

RAMIRÁS

La actriz Cristina Castaño en una imagen de archivo.
La actriz Cristina Castaño en una imagen de archivo. Europa Press

O sábado celébrase o acto de entrega dos galardóns no que tamén destaca o grupo Malvela

19 dic 2025 . Actualizado a las 20:33 h.

O Festival Internacional Rebulir (FIR) celebra este ano o seu vixésimo aniversario cunha edición especial que se desenvolverá ata este sábado, marcada polo incremento do número de compañías participantes, unha programación ampliada de actividades culturais, sociais e educativas e a creación dun selo propio baixo o lema «Feito no rural».

A programación presentouse no centro cultural Marcos Valcárcel da capital polo director artístico e académico do FIR, Alexandre Sotelino, quen explicou que o festival contará con máis compañías ca nunca, coa participación de doce delegacións culturais: tres internacionais, tres estatais e seis galegas, todas elas xa presentes en edicións anteriores. O programa desenvolverase ao longo de tres xornadas e terá o seu punto culminante o sábado, coa gala central e a entrega dos premios a partir das 19.00 horas no Polideportivo O Picouto, no concello de Ramirás. Durante a presentación, Sotelino destacou o carácter especial desta edición ao cumprirse dúas décadas do festival, lembrando as súas orixes como un proxecto vinculado a unha escola rural e a súa evolución ata converterse nun evento internacional. Tamén subliñou o crecemento sostible do evento e a súa consolidación como unha cita cultural de referencia no ámbito rural galego.

A programación arrincou este xoves coa posibilidade de visitar a exposición «Olladas a 20 anos de tradición», na parroquia de Vilavidal (Ramirás), así como coa colocación de paneis na Facultade de Ciencias da Educación e Traballo Social do campus.

Hoxe, a partir das 20.00 horas, a actividade trasladarase a Celanova, onde haberá unha foliada itinerante polas rúas da vila, na que as distintas compañías compartirán música, tradición e patrimonio cultural inmaterial. Ademais, estas accións servirán como antesala á gala central do sábado, que reunirá o groso da programación artística do festival.

O sábado entregaranse os Premios Rebulir 2025. Na categoría de Música Galega, o galardón recaerá en Malvela; en Artes escénicas, na actriz lucense Cristina Castaño; e o Premio Homenaxe será para o programa «Luar», un dos espazos televisivos máis veteranos. Nesta edición entregarase por primeira vez o Premio Rogelio García Yáñez, que será concedido á emigración galega en Euskadi, en recoñecemento ó seu labor de difusión e transmisión da cultura de Galicia.

O festival reforza a súa aposta polo rural e a proxección internacional, cunha programación que combina música, danza e tradición ao longo de tres días. No acto de apertura da cita cultural participaron Carmen Pita, directora de Promoción de Turismo de Galicia; Beatriz Fernández, directora territorial de Presidencia; Marcos Vázquez, director da área de Cultura da Deputación; Isabel Gil, alcaldesa de Ramirás; e Mateo Alonso, coordinador de Banca Institucional de Abanca en Ourense.