Galicia Gourmet estrea local: de carnes de avestruz, alce ou crocodilo a variedades de vermú

Cándida Andaluz Corujo
C. Andaluz OURENSE

OURENSE CIUDAD

Galicia Gourmet trasladou o seu local á rúa da Paz de Ourense
Galicia Gourmet trasladou o seu local á rúa da Paz de Ourense Miguel Villar

A tenda reabriu as súas portas na rúa da Paz de Ourense

11 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Galicia Gourmet vén de trasladar a súa tenda da praza do Ferro á rúa da Paz de Ourense, co obxectivo de contar cun espazo máis amplo e funcional. Ó fronte do negocio están José Ángel Salgado e Bárbara Bednarz, e naceu como unha extensión dun proxecto vencellado ó sector da alimentación no que levan dúas décadas traballando. A empresa ten a súa orixe en Madrid, onde el residiu durante trinta anos. No ano 2012 trasladáronse a Ourense e puxeron en marcha Galicia Gourmet, centrada na distribución de produtos de alimentación para hostalería e tendas especializadas, así como na venda en liña, activa desde 1999.

Na actualidade, a maior parte da actividade da empresa continúa ligada á distribución profesional, cun mercado maioritario fóra de Galicia. A apertura da tenda física, hai arredor de tres anos na praza do Ferro, respondeu á decisión de vender directamente ó público e de achegar os produtos tanto ós profesionais como á cidadanía e ós visitantes. Segundo indica Salgado, o anterior local presentaba limitacións de espazo e non dispoñía de escaparate, polo que o traslado á rúa da Paz permitiu mellorar a exposición e a atención ao público. No establecemento comercialízanse produtos galegos e doutros lugares, seleccionados pola súa calidade ou orixe.

A oferta inclúe conservas, marmeladas, patés, produtos refrixerados, afumados, embutidos, xamón ibérico, doces artesáns, foie de pato, legumes doutros países, viños, licores e diferentes variedades de vermú. Un dos apartados destacados é o das carnes, entre as que se atopan cortes de wagyu e carnes exóticas como avestruz, alce, cebra, búfalo ou crocodilo, dispoñibles tamén para particulares en formatos racionados. Entre os produtos con máis saída figuran o vacún maior, tanto en pezas enteiras como racionado, e o polbo cocido envasado, que procede de distintos cocedoiros especializados. A tenda mantén así unha oferta ampla orientada tanto ó público local como ós profesionais da hostalería e ós visitantes que buscan propostas gastronómicas singulares.