Santa Comba

ARTURO R. VISPO

OURENSE CIUDAD

AIRES DO ARNOIA | O |

11 ago 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

DISQUE en Bande hai atractivos dabondo pra ensinar ás dereitas máis carcas nas vodas con glamur; que pró alcalde, Amador de Celis, e pra Ana Belén Vázquez, noiva e concelleira de incultura na vila, hainos ata por embaixo do chan..., que se a igrexa visigótica de Santa Comba, que se a cidade, campamento e mansión de Aquis Querquennis, que se a centos de milleiros máis; anque penso que aínda non se decataron de que o corpo do bispo San Trocado leváronno pra Celanova; e que tamén, máis cedo cás uvas tardeiras, levarán pra Allariz, Ourense ou Ponferrada o Museo dos Iconos, unha extraordinaria mostra de pintura sobre táboa, trípticos románicos, iconos bizantinos, reloxos, bargueños e outros repuxados en prata, cobre e estaño, obra dunha artista de Santa Comba, Soledad Blanco, que ano tras ano, rescatada de Madrid e sen fallar verán, expuña nun emprazamento de aldea sen cadela oficial, sen sequera a visita dun alcalde ignorante, sen consello algún ou palabra de ánimo da incompetencia política de Bande... E despois de rexeita-lo seu, o que tiña que ser patrimonio do pobo, os moi palurdos, a chorar caridade das institucións. E os alcaldes da veciñanza a rirse deles pois o que leve o Museo dos Iconos de certo que ben que atinou.