Vendo burro por 50 euros, máis información no Concello do Carballiño

La Voz OURENSE / LA VOZ

O CARBALLIÑO

cedida

O alcalde asina o decreto para sacar a subasta o animal, que leva costado 5.000 euros

04 mar 2020 . Actualizado a las 10:09 h.

O alcalde do Carballiño asinaba o día 13 de febreiro un bando dando conta da existencia dun animal recollido o 24 de xullo do 2017 polo Concello e que se atopa nunha finca do pobo para que se presente o propietario do mesmo nun prazo de seis días. De non ser así, segundo figura no bando rubricado por Francisco Fumega Piñeiro, «transcurrido o prazo indicado sen que se persone o dono do animal, procederase á súa subasta pública nos termos que se anunciarán polo Concello».

O bando é o principio do fin da relación entre Petiso, que así se chama o burro, e a administración local carballiñesa. Unha relación que entrou nunha «situación sen saída» polos reparos postos polo interventor ao pago das facturas que se xeran pola mantenza e coidado de Petiso -situación que ao parecer tamén fora xa advertida dende a Policía Local en canto á necesidade de darlle solución a este asunto- e que rematou por reclamar o seu protagonismo na sesión plenaria do luns. Á mesma foi o lote de facturas pendentes do 2019 e retiráronse as referidas ás dúas últimas mensualidades do burro.

Dende un tempo despois de ser rescatado dun pozo, Petisco vive na finca que un veciño ten ao pé da estrada de Ribadavia. A manutención e a estancia no recinto cústalle ao Concello do Carballiño 150 euros ao mes (máis o IVE correspondente). Daquela, segundo se puxo de manifestou no pleno, Petisco lévalle costado uns 5.000 euros ao Concello do Carballiño neste tempo.

Segundo sinalou no pleno o alcalde, Francisco Fumega, a historia de Petiso foi un asunto que se lle «complicou» á administración local: ao comezo do proceso o dono do animal manifestoulle aos responsables municipais a súa intención de recuperar ao burro porque seica lle tiña moito cariño. Este extremo, segundo recoñeceu o rexedor carballiñés, nunca se chegou a materializar e foi pasando o tempo «e vímonos na obriga de tomar unha solución, daquela, e agora optar por esta outra alternativa». 

Sacrificio ou poxa

A Petiso houbo que sacalo do burato o 6 de xullo do 2016 cun camión con guindastre. Quedou nunca finca, mais os problemas comezaron aí porque o burro escapaba e aparecía polas rúas do pobo e porque os veciños estaban fartos de que ao animal lles animase a noite. Daquela foi cando houbo que procurarlle un espazo onde mantelo e así rematou na finca da estrada de Ribadavia.

Fumega referiuse no pleno ás dificultades para seguir o proceso administrativo e facerse coa propiedade do animal e das alternativas posibles «podemos sacrificalo, é unha opción, darllo a algunha asociación ou colectivo ou vendelo. Neste caso a nosa intención é esta e o prezo será de 50 euros».

E así rematará a relación de Petiso co Concello do Carballiño. O reparo do interventor ás súas últimas facturas mensuais poralle fin ás súas vacacións pagadas a conta do peto dos veciños e sairá a poxa por un prezo inicial de 50 euros.