O actor e cantante Christian Escuredo aproveita un descanso entre gravación e gravación para relaxarse en Ourense
27 ago 2018 . Actualizado a las 19:51 h.O seu rostro sóanos de velo na tele, en Pazo de familia, e tamén porque foi o xogador do Cambados que se atreveu a roubarlle a parella a Sito Miñanco en Fariña. Pero Christian Escuredo (O Barco de Valdeorras, 1984) tamén colleita fama e premios, coma o de mellor actor protagonista Broadway World, polo seu papel da drag Felicia na adaptación como musical de Priscilla, reina del desierto. A súa voz -figura na nómina de Disney pola banda sonora de Phineas & Ferb- é unha parte imprescindible do encanto que destila o actor, harmónico e fresco como os Valdeorras da súa terra. Apurado entre rodaxes e xiras, pillámolo nuns días de descanso no seu retiro favorito: a aldea.
-Que tal son os veráns sen praia?
-Pois moi bos. De neno pasaba case todas as vacacións na aldea, no embalse de Prada e uns días nas Rías Baixas. O máis importante é a compañía, ou calquera espazo no que te sintas ben e conectado contigo mesmo.
-Para tomar algo nunha terraza, a cita é na túa casa... Es directo?
-É que gozo moito na miña casa da aldea [rompe a rir]. Restaureina hai uns anos e compartila cos meus amigos faime moi feliz.
-Esta é a mellor estación?
-Penso que si, de tódolos xeitos sácolle moito partido ao frío. Encántame o momento manta, sofá e lume.
-Algún proxecto novo na mesa?
-Estase cociñando un proxecto do que moi pronto vos falarei!
-Ten tan mala fama Galicia por fóra por culpa do tempo?
-Algo ten, pero os que veñen colgan moitos selfis na praia. Digo eu que mal non se está!
-Usas moito Instagram. Gusta o postureo?
-Compartir é vivir! A verdade é que teño seguidores e seguidoras moi fieis e moi divertidos.
-Polo menos nas redes, vendes moito a terra. Algo que nos recomendes para unha escapada?
-Adoro Galicia, encántame descubrir novos recunchos e volver aos que me fliparon. Gozar da montaña ten tanto ou máis encanto ca facelo dunha praia. De verdade. E non falto aos festivais de teatro, o de Mérida, o de Almagro, ou a MIT de Ribadavia. Para refrescarme vou ao embalse de Prada, na Veiga.
-E viaxar, que tal o levas?
-Son un gran inversor en viaxes, é un dos meus vicios, e gasto os cartos con moito gusto. Recomendo ir a calquera sitio que estea no runrún da túa cabeza. Na miña estaba EE. UU., Tailandia, Indonesia, Islandia, Arxentina, moitas cidades europeas... Acabo de vir de Israel e non tardarei en visitar Tanzania. Coñecer novas culturas, lugares, xentes, músicas... fainos sentir vivos, abre as conciencias, e penso que nos fai mellores persoas.
-Tes algo en común cos teus personaxes nas series?
-Só no de beber cervexas, albariños e facer escapadas ás Rías Baixas.
-Pódense facer amigos no mundo da actuación?
-Por suposto que si! De feito, os meus mellores amigos coñecinos traballando. Foi inevitable namorarme de Jana Pérez, é que ela é marabillosa. Non hai día no que non soe algún dos grupos de WhatsApp que teño cos meus compañeiros.
-Actúas, pero tamén cantas. Ata te desenvolves facendo as dúas cousas á vez, como no musical «Priscilla». Non paras!
-Hai rachas... O de cantante vai no paquete de actor. Non me podo queixar. E que non pare!
-Como cantante, hai que preguntalo... Es fan ou detestas as cancións de verán?
-Depende da canción, aínda que podo acabar saturado de tanto que as repiten.
-Algunha que te poña dos nervios?
-Opá, yo viaze un corrá...
-El Koala! Xa choveu diso. E, ao contrario... Algunha á que non poidas resistirte?
-Eu son máis de Dorian ou Vetusta. Todo depende do momento.
-Algo que nunca fagas nesta época. Ir ao cine, por exemplo?
-Si que vou! Fun ver Ocean’s 8. E na aldea, en agosto cómese caldo, e pola noite lévase manga longa [risas]. No verán todo é posible, ata namorarse!