Os que moven os fíos

Noela Blanco OLLADAS DESDE OURENSE

MELÓN

19 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

En política, como en calquera outra actividade que supoña exposición pública, acontece que hai persoas que a pesares de que xa non saen nas fotos, non chegan a abandonar a primeira liña. Para mostra o expresidente dunha fundación que foi condenado por roubar a anciáns e que agora segue pilotando na sombra o seu imperio empresarial, ou outros exalcaldes da provincia como o de Rairiz de Veiga que presuntamente seguen exercendo de rexedores O que raramente acontece é que esos homes e mulleres invisibles, as veces invisibilizados polas propias organizacións ás que pertencen ou pola xustiza, aparezan en imaxes xunto aos que moven os fíos na actualidade. Por iso o outro día quedamos coa boca aberta ao ver ao exalcalde de Melón cun faixo de papeis no despacho da delegada territorial da Xunta acompañando a actual alcaldesa, a súa muller. O que a moitos nos asombrou non foi que Alberto Pardellas estivera despachando asuntos do Concello de Melón, a pesares de estar inhabilitado dende o ano 2010 para o desempeño de cargos públicos, o que asombra e indigna é o pouco pudor e o impune que poden chegar a sentirse algunhas persoas para mesmo diante da prensa e de todos os funcionarios que traballan na delegación, acudir sen cortarse un pelo a despachar coa máxima representante da Xunta, a pesares de estar condenado pola xustiza. Como sorprende que a delegada diga que non se atreveu a botalo do despacho, ou que a actual alcaldesa afirme que a ela a acompaña quen queira e, claro que si, a tomar café pode ir con quen máis lle apeteza, pero a tratar temas institucionais non porque o despacho dun cargo do goberno galego non é a casa de ninguén. Se encima os títeres aos que moven os exalcaldes de Melón e Rairiz de Veiga son dúas mulleres, o asunto adquire ademais tintes machistas. Pasan os días e parece que quedara nunha anécdota, quizais porque estamos demasiado acostumados a situacións tan esperpénticas,que xa perdemos ata a capacidade para indignarnos.