Baldo Ramos: «A caligrafía é un diálogo co baleiro»

CELANOVA

XOAN A. SOLER

O artista plástico celanovés Baldo Ramos amosa estes días o seu traballo nunha galería de Lugo

16 sep 2017 . Actualizado a las 19:16 h.

Baldo Ramos (Celanova, 1971) encontrou a súa primeira veta artística na poesía. Sen abandonala, nos anos noventa -cando estudaba na Universidade de Santiago de Compostela- foise interesando pola «cara plástica da escrita». Aínda hoxe, Ramos non se considera pintor. «Son un calígrafo que pinta o que ve nas palabras», di. Os seus últimos traballos pódense ver ata o 19 de outubro no espazo Iskoö, de Lugo (rúa Cidade de Vigo, 11). Os silencios do calígrafo é unha mostra con obras en papel, en distintos formatos, exemplares únicos de libros de artista, que o celanovés mete -que non encerra, xa que se poden pasar as páxinas- en urnas ou caixas. Tamén papeis antigos, documentos do século XVII, nos que Baldo Ramos deixou a súa pegada estilizada ou constrúe colaxes.

O principio, hai trinta anos, cando estudaba no instituto de Celanova, foi a poesía. Baldo Ramos conta que lle interesaba o libro como algo artesanal. En Escura e transparente (2005), unha obra de poesía, combinou unha edición convencional con outra máis artesá, na que pintou individualmente 50 exemplares. Ten publicados arredor de quince libros e sempre lle gustou que tivesen unha intervención plástica e manual. Porque Baldo Ramos di que lle interesa o libro como algo coidado que debe chegar ao lector como algo máis que un soporte. «Publiquei libros auto editados, facía os meus exemplares, cosía os libros e empecei a facer formatos maiores», lembra. Ata que, no ano 2006, unha galería madrileña lle encargou unha serie de libros de dous metros.

E facendo libros de artista, afirma, é onde se sente «máis a gusto». Fainos a man, cortando o papel e introducindo os seus poemas. Concibe a poesía como «un exercicio de abstracción coa lingua». Do mesmo xeito lle interesa máis a pintura abstracta. E a caligrafía, sostén o artista, «está a medio camiño entre o lingüístico e o plástico». Defínea como unha ponte entre a pintura e a literatura. Unha ponte moi cultivada en Oriente, coa desenvolvida arte caligráfica de China e de Xapón. Pero que tamén ten precedentes na cultura galega, como os poemas caligráficos de Uxío Novoneyra. Un creador, Novoneyra, co que Baldo Ramos se sentiu «identificado» na súa época de estudante. «Nos noventa comezaba a pintar en Santiago e compraba unhas plumas de bambú que tamén usaba el», recorda. Aínda conserva aqueles trazos de tinta de bambú.

Esa tinta, que conecta os poemas ilustrados de Baldo Ramos coa cultura oriental ou a poesía caligráfica de Novoneyra, necesita moitos coidados. «Gústanme moito as tintas, úsoas moi oleosas e dan traballo para as manipular. Necesitan días para secar», explica. A caligrafía é unha arte de precisión. «Ou sae ben á primeira ou non vale», revela Baldo Ramos. Pero tamén aberta, como a poesía do celanovés. «A caligrafía é un diálogo co baleiro, aparentemente sinxelo pero que é complexo. Indagar no interior das palabras, nese baleiro é o traballo do calígrafo», di o artista. E eses silencios do calígrafo que amosa nesta exposición de Lugo tamén se atopan na súa poesía, que deixa aberta a interpretacións, sen impor mensaxes nin eleccións ao lector.

O ano que vén, a obra de Baldo Ramos, en colaboración con Xosé María Álvarez Cáccamo, poderase ver na sé de Afundación na Praza Maior de Ourense. Para setembro do 2018 está previsto que ambos presenten A dobre páxina, un proxecto de poesía visual, con libros antigos nos que cada artista vai alternado as súas intervencións nas páxinas par e impar. Cáccamo e Ramos coñecéronse en Celanova no ano 2012, no aniversario de Celso Emilio Ferreiro e quedaron en facer algo xuntos. Concretaron a primeira colaboración en CaRa Inversa (2014) e os libros obxecto os volven a unir.

Quen é. É un poeta e artista plástico de Celanova. Vive en Santiago de Compostela, onde crea a súa obra e da clases no IES do Sar.

Obra. Publicou 13 libros de poesía e máis de 300 libros de artista. Actualmente expón na sala Iskoö de Lugo e o ano que vén terá mostras en Vigo e Ourense.