«Neste vídeo búscase o relax pero a natureza é salvaxe»

M. RODRÍGUEZ OURENSE

CELANOVA

CEDIDA

A directora presenta o segundo traballo de «Relax&Siesta» con imaxes da Terra de Celanova que invitan a durmir

04 jun 2016 . Actualizado a las 17:04 h.

Esta tarde, no auditorio de Celanova preséntase "Relax&Siesta: Terra de Celanova" (Arxuina Produccións), a segunda entrega dunha serie de vídeos relaxantes ideado pola directora celanovesa Xudit Casas, con música do compositor pontevedrés Adrián Saavedra. A creadora ourensá, residente en Madrid, iniciouse na vídeoarte e dirixiu dúas curtametraxes de ficción, Sobre a morte do Bieito (2009), baseada no relato de Rafael Dieste, e Tercera oportunidad (2012), que acadou o segundo premio do público no festival de Elxe.

-¿Qué é Relax&Siesta?

É unha serie que empezamos o ano pasado. Xurdiu cando un amigo, estando eu estresada, púxome vídeos de Youtube de relaxación. En verdade contiñan música relaxante, pero non se centran na imaxe pois só inclúen fotos. Din que a siesta ten que durar entre vinte e trinta minutos e pensamos en crear algo máis curto. Falamos con Adrián (Saavedra) para facer vídeos desa duración, con imaxes suxestivas para relaxarse, non só para durmir. O primeiro Relax&Sieta foi sobre Mallorca, enfocado desde un punto de vista da natureza. Esta vez tiramos para casa. Falamos coa mancomunidade Terra de Celanova que nos apoiou e fixemos un Relax&Siesta da miña terra, cunha duración de 26 minutos.

-¿Non buscan en xeral as producións audiovisuais manter a tensión e a atención do espectador ata o final?

-O paradoxo neste caso é que se a persoa queda durmida é bo. Esta é unha obra incluso para non ser vista. A cotío vemos cantidade de imaxes que nos bombardean moi rápido e ás veces fai falla observar un pouco e gozar do momento, gustar do que vemos e pararnos.

-¿Que tratamento lle quixeron dar ás imaxes, buscaron algunha luz do día especial, ou en que contexto foi a gravación?

-Coñezo a Terra de Celanova, pero sempre hai descubrimentos. Visitamos cada un dos oito concellos da mancomunidade. Ás veces estábamos pendentes da luz, noutras gústame deixalo ao azar e os veciños tamén colaboraban dicindo o que lles gustaba e me deixaba guiar pola xente que íaa topando. Entre Mallorca e a Terra de Celanova hai un contraste brusco. Aínda que na illa tamén hai monte, nas paisaxes galegas hai un caos do verde. Por iso as rutas de sendeirismo son difíciles de manter, porque ao chover un pouco o verde volve saír por todos lados. Creo que se nota neste vídeo, onde se busca o relax, pero é visualmente diferente porque a natureza é salvaxe e en Galicia o verde brota con moita intensidade.

-¿Que papel xoga a música?

-Adrián dixo que é unha extensión da imaxe, cunha liña que vai evolucionando do minimalismo ata unha sonoridade máis colorista.

-¿A serie ten tamén unha motivación turística?

-Non todos os Relax van ser de lugares, poden ser sobre o ceo, a choiva ou o lume. Neste caso falamos coa mancomunidade Terra de Celanova, que o viu interesante como promoción. Pero tivemos total liberdade. Non son as típicas imaxes turísticas cos seus enclaves coñecidos.

-¿Como valora o audiovisual galego?

-En Galicia hai movemento importante no audiovisual. Eu estou en Madrid por circunstancias, pero as miñas cousas intento gravalas alí, sobre todo cando é ficción.

A estrea de Relax&Siesta: Terra de Celanova será hoxe ás 20.00 horas, con entrada de balde ata completar o aforo do AMIC. Logo da estrea, a intención da creadora é dalo a coñecer en Internet e a través das redes sociais.