Unha volta ao pasado con visión actual

M. rodríguez

CELANOVA

Santi M. Amil

A cultura, a gastronomía e os vellos oficios comparten espazo nas rúas e nos baixos veciñais de Vilanova dos Infantes

17 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O pasado faise actual en Vilanova dos Infantes. A romaría etnográfica Raigame acada a súa edición número quince hoxe no núcleo medieval, onde durante toda a xornada se vivirá unha xornada festiva á antiga usanza. Romaría gastronómica, con postos de produtos tradicionais e petiscos en cada recuncho, romaría musical, con corenta grupos actuando con cantos e danzas galegas, e romaría histórica, para reivindicar o traballo que fixeron os segadores galegos cando ían traballar a Castela.

Dende as once da mañá, o pobo encherase de xente. Pasar o día entre as estreitas rúas de Vilanova dos Infantes, observar antigos oficios -como unha costureira que irá coa súa máquina de coser polas rúas como antigamente- e gozar de espectáculos de bailes ou monicreques converten a Raigame nunha cita atractiva para todos os públicos. Postos de artesanía -este ano coa novidade dun albardeiro e un xoieiro- exposicións e música completan o abano de actividades que fan que Vilanova dos Infantes se encha cada ano de público. Hoxe ademais acompañará o sol co que se estima que a asistencia pode ser masiva.

A romaría Raigame celébrase cada ano -salvo a interrupción do ano pasado- para conmemorar o día festivo das Letras Galegas. E como tal, non faltan as referencias ao homenaxeado deste ano, Manuel María. O grupo Sarabela Teatro representará un conto do autor dirixido aos máis pequenos, con dous pases, ás 12.00 e ás 17.00 horas.

Premio

O premio Adolfo Enríquez váiselle entregar hoxe ao estudoso Clodio González Pérez, membro do Padroado do Museo do Pobo Galego, que ten colaborado coa revista Raigame con diversos artigos.

Durante a xornada funcionará un antigo autocar, que fará o percorrido entre Vilanova dos Infantes e Celanova, xa que no mosteiro é onde se amosa a exposición sobre os segadores galegos.