Leva como alcalde dende 1974 e na actual corporación está a súa neta
02 nov 2023 . Actualizado a las 11:05 h.Nalgunhas ocasións ten falado Senén Pousa Soto dun posible relevo na candidatura do PP neste pequeno pobo do corazón do Ribeiro (404 habitantes segundo o último padrón que se coñeceu esta semana). Mais logo aparecen feitos puntuais, como a colocación dunha tarteira con explosivos no Concello, que o fan remexer. Daquela, outubro do 2013, asegurou que tiña pensado deixalo, aínda que só por amolar aos que colocaron os explosivos ía recuncar. Afrontará as eleccións de maio con 80 anos cumpridos. Leva como alcalde dende 1974 e na actual corporación está a súa neta.
-Repetirá como candidato ou desta volta haberá relevo?
-Por suposto. Nós xa temos a candidatura feita e o presidente provincial xa o sabe. Presentareime polo meu partido, que é o Partido Popular, e moi orgulloso de traballar polos meus veciños. E logo xa veremos o que pasa.
-Ten 5 dos 7 concelleiros da corporación. Daquela moito tería que cambiar a intención de voto.
-A política, en xeral, mudou moito nestes tempos. E máis na actualidade. Que siga ou non depende da xente e sempre tes que afrontar cada elección como se fora a primeira: hai que falar cos veciños e pedirlle o seu apoio. Vou tentar manter a alcaldía, pero nunca sabes o que vai pasar.
-Valorou unha alternativa? Ao mellor ir na candidatura e encabezar a lista a súa neta?
-A alcaldía non é hereditaria.
-Logo de 47 anos como alcalde que lle queda por facer?
-Sempre hai proxectos e traballos pendentes e o que máis valoro é o apoio do pobo de Beade, o mellor de España. E se o dos anos é unha indirecta xa sabe, e se non dígollo, que son alcalde dende o franquismo e estou orgulloso diso.
-Non era unha indirecta.
-Pero repítollo porque quero que quede claro. Franco fixo cousas boas e malas, como todo o mundo, e non o quitan do Valle dos Caídos. E saben quen ten a culpa de todo? Rodríguez Zapatero e a súa trapallada da lei da memoria histórica.