«A rúa Caudillo non ten nome algún»

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

BEADE

Santi M. Amil

O rexedor do concello do Ribeiro mantén que no seu municipio non hai referencias explícitas a Franco

25 oct 2023 . Actualizado a las 18:47 h.

A Senén Pousa Soto a enésima polémica pola súa condición de alcalde franquista xa o colle moi curtido en todas as liortas posíbeis. Camiño dos 78 anos que «caen nuns días» e con 43 como rexedor municipal, conta cun argumentario que vai poñendo enriba da mesa segundo as circunstancias. Nun escenario que por veces é máis contraditorio que real e máis esperpéntico que absurdo: Pousa só fala en galego -a mesma lingua que masacrou Franco- e defínese como demócrata convencido e militante -o que compatibiliza coa devoción ao caudillo-. Recoñece a súa lealdade ao ditador e vai mudando os argumentos co paso dos anos: dende a defensa dos tempos nos que non había paro ou o gran avance que supuxo a creación da Seguridade Social a aseveracións vencelladas ao momento actual. «A culpa de todo da memoria histórica e de todo iso tena Zapatero e o armadanzas é Garzón. Ese é o que está detrás de todas estas historias. Como o de sacar as cinzas do Valle dos Caídos. Franco sempre dixo que quería que o enterraran no Pardo, e foi o rei Juan Carlos o que propuxo que o soterrarán alí».

Bomba e desaloxo dos recordos

E xa postos ponlle o ramo á faena: «Fálase moito sen saber. Franco foi un mando máis na guerra e non foi ata 1939 cando o nomearon xefe do Estado, ata entón el era un xeneral máis».

A bomba que lle puxeron ao Concello de Beade hai uns anos de madrugada -«ían contra min pero a quen lle fixeron dano foi ao pobo»- mudou radicalmente o escenario municipal. A rehabilitada casa consistorial conta cunhas amplas dotacións e equipamentos e Senén Pousa viu chegado o momento de trasladar as pezas relacionadas co franquismo que sempre servían de munición para cargar contra el: un cadro coa foto de Felipe VI, unha imaxe da banda de música de Beade -«a nacional, que aquí chegou a haber dúas: esa e a republicana»-, as bandeiras española e galega e un cadro dun pintor ourensán compoñen o escenario.

O rexedor sabe que volveu de novo a ser actualidade e hai tempo que está preparado para iso. Unha sentenza do xulgado do Contencioso nº 1 de Ourense estima a iniciativa interposta por un abogado en base á Lei da Memoria Histórica e condea ao Concello de Beade a que «satisfaga el derecho fundamental de petición del demandante notificándole una respuesta motivada en el plazo máximo de diez días desde la firmeza de la sentencia» e o TSXG rexeitou o recurso do Concello. A iniciativa referíase á petición de que se retiren as mencións e símbolos franquistas dos espazos públicos do municipio e se elabore un catálogo de vestixios da Guerra Civil e a ditadura.

Non sabe se recuncará

Logo de moitas reviravoltas, Senén Pousa volve á pregunta inicial. Hai meses que estaba preparado para este novo escenario, a iniciativa é do verán pasado, e mantén a posición a ferro: «A rúa Caudillo non ten nome algún. Non se refire a ninguén en concreto. Caudillos houbo moitos. É se fose rúa Generalísimo sería o mesmo. Outra cousa é que fose Generalísimo Franco, ou Caudillo Franco. Pero non estamos falando do mesmo». A rúa Caudillo é a arteria principal de Beade. Arranca no Eixo do Ribeiro e morre ao pasar un dos monumentos máis emblemáticos do pobo -o Vía Crucis de pedra- para continuar cara a Berán (Leiro). Ao tempo que argumenta aporta copia do escrito remitido en novembro do 2016 pola Fundación Franco, da que é membro, na que se ofrece apoio a todos os concellos do Estado con denuncias presentadas «por el ‘aprendiz de Robespierre’, el iletrado Abogado, Sr. Ranz» e asesoramento legal para rexeitalas.

E mentres non acaba de concretar se van contestar ou non á demanda tampouco o fai sobre o seu futuro político. Dixo que non ía repetir nas últimas e que se o fixo foi para demostrar que «non lle teño medo aos terroristas», agora recoñece que son moitos anos e que se fai necesario o relevo. Mais non se posiciona: «Haille que dar paso á xente nova e xa son moitos anos. Boeno, aínda queda moito mandato. Depende de como me atope para entón. Queda tempo».