Fina Rei presenta unha edición limitada que une literatura, pintura e repostería
11 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.«O lardo rezúmalle por todo o corpo, e no verán súao en regueiros aceitosos e en pingotas bastas, coma as que deitan os chourizos cando están no fumeiro». Este fragmento de O porco de pé, de Vicente Risco, pódese levar agora á casa non só en forma de lectura, senón tamén convertido nunha caixa de bombóns que une literatura, pintura e repostería. Fina Rei, con tenda na rúa da Paz de Ourense, está detrás desta proposta, que se presenta como unha edición limitada que transforma unha cita da obra e as súas imaxes nun obxecto cultural e gastronómico.
Cada estoxo inclúe unha das nove obras creadas polo pintor Xabier Varela, inspiradas na novela e pertencentes á colección permanente da fundación do intelectual en Allariz. As ilustracións recrean escenas e personaxes da obra literaria e acompañan, en cada caso, un fragmento distinto do libro, integrando texto e imaxe no propio envase. No momento da compra, pódese escoller entre nove láminas: A casa das citas, Café Novelty, A política, Don Celidonio alcalde, Golpe de estado, Don Celidonio carniceiro, A Nicasia, O Doutor Alveiros e Os sindicalistas.
No interior da caixa, a experiencia complétase cunha selección de cinco variedades de bombóns artesáns: gianduja de pistacho, froita da paixón, praliné de améndoa, curry e coco, e gianduja de café. Unha vez degustados, o envase está pensado para conservarse, xa que pode transformarse nun pequeno cadro ó cortar a bisagra inferior, permitindo que o fragmento literario e a ilustración perduren no tempo. A edición é limitada e numerada, con 70 unidades por cada unha das nove obras. Cada persoa recibe a súa caixa co número correspondente indicado no envase, reforzando o carácter exclusivo dunha peza creada para perdurar máis alá do consumo dos bombóns. A iniciativa naceu como unha homenaxe a Vicente Risco e á súa obra máis coñecida. «Xurdiu unha homenaxe ó autor e á obra O porco de pé. Desa referencia literaria, decidiuse unir as ilustracións cunha colección de bombóns de autor», sinala Ángeles Rodríguez Suárez, dependenta de Fina Rei na rúa da Paz. A relación coa cultura é unha constante na filosofía da firma alaricana.
«As caixas levan varias semanas á venda e a resposta do público é moi positiva. A xente está sempre mirando no escaparate porque é moi orixinal e preguntan», engade. Desta maneira, ademais, as reproducións das obras de Xabier Varela permiten que fragmentos de O porco de pé saian do libro e cheguen ó público como obras de arte moi doces.