Percorrendo os lugares onde matou Romasanta

m. Rodríguez OURENSE / LA VOZ

ALLARIZ

Santi M. Amil

Os etnógrafos Castro Vicente localizaron o refuxio da Serra de San Mamede onde a lenda di que o sacaúntos levaba as vítimas

31 oct 2021 . Actualizado a las 13:30 h.

A Serra de San Mamede, no Macizo Central ourensá, foi o escenario onde Manuel Blanco Romasanta desenvolveu a súa actividade criminal a mediados do século XIX. No xulgado de Allariz, Romasanta confesou nove crimes. A causa xudicial, con arredor de dous mil folios manuscritos, aínda ten moito para ler e estudar, apunta Félix Castro, un dos principais investigadores da figura de Romasanta, xunto co seu irmán Cástor. Nas sextas xornadas sobre Romasanta que organizou en Allariz a Fundación Vicente Risco, os etnógrafos paráronse esta vez no marco xeográfico no que transcorreu o devir de Romasanta. Nado en Regueiro, Esgos, en 1809, ese lugar, terra de oficios ambulantes, influíu en que Manuel Blanco coñecese ben as rutas e camiños entre Ourense e León. «Fixo comercio en Ponferrada e os bisavós eran de Pola de Gordón, onde un irmán seguía aveciñado cando morreu Romasanta», explicou o investigador.

Félix e Cástor Castro localizaron os escenarios dos crimes de Romasanta, segundo o recoñecemento xudicial que fixo o propio asasino. Atoparon no ano 2012 a cova ou abrigo de pastores e maquis chamada A Pala das Cuncas, preto de A Edreira, onde se supón que Romasanta levaba e mataba as súas vítimas. Na memoria popular, non así na causa, Romasanta recórdase máis como o sacaúntos que como lobishome, matiza Castro. O que declarou o reo foi que matara nas paraxes do Corgo do Boi, As Gorbias e na Mallada Vella de Acibeiros de Redondela, lugares que pertencían a tres partidos xudiciais distintos, engade Castro.

Nas xornadas interviñeron, entre outros, Rafael Quintiá, quen deu outros exemplos etnográficos de ladróns de unto de Pontevedra como «o rachador» e expuso que o mito do lobishome inda segue presente en Chagouazoso, onde se moveu Romasanta.