O futuro: «El Cid»?

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

ALLARIZ

Servicio Ilustrado (Automático)

05 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Seica El Cid volve estar de moda, series, libros e toda a corte de noticias e reportaxes de prensa sobre o personaxe. Cid é un apelido moi ourensán moi concentrado nas terras que van de Allariz á cidade das burgas, presente nun terzo dos concellos de Galicia, segundo os datos da Instituto da Lingua da Universidade de Santiago. En todo o Estado hai trinta mil persoas con ese apelido, pero non é un deses Cid o que está de volta. Levamos meses sentindo como parece que nos rodea de novo aquel vello personaxe da nosa infancia, o mesmo do Cantar, o que protagonizou Charlton Heston con Sofía Loren naquela coproducción italo-norteamericana de 1961, nun auténtico spaguetti film de Samuel Broston, asesorado polo mesmísimo Menédez Pidal aos seus noventa anos.

 

 

O Cantar do Mio Cid é un poema de case catro mil versos, unha obra literaria que se sitúa no século XIII, recollida nun Códice do século XIV e que recolle unha tradición oral anterior que trata da azarosa vida dun guerreiro que viviría no século XI. Unha canción de xesta moi común nos reinos medievais europeos, especialmente no dos francos, reproducida e recuperada moitas veces nos últimos dous séculos e medio, aínda que a edición que buscou converter aquela ficción en historia foi a de Menéndez Pidal de 1911. As historias ao servizo da nación necesitaron heroes e xestas para definir as orixes e xustificar os proxectos nacionais, en España o escollido foi o Cid, equiparable e émulo do franco Roland, do nibelungo Sigfrido dos alemáns, do escandinavo Beowulf ou o misterioso rei Arturo dos ingleses. Menos este, todos do século XI, pois foi este o século elixido polos eruditos continentais para situar a orixe histórica das nacións-estado que estaban a conformarse no século XIX.

A diferencia española reside, aínda hoxe, no empeño en debater en serio a existencia do Cid, en rastrexalo como un personaxes histórico medieval cando todo indica que foi tan auténtico como o Ivanhoe escocés da novela de Walter Scott. En Galicia, como nas illas británicas, a antigüidade favoreceu o minifundismo, uns historiadores románticos laicos escolleron a Pardo de Cela, os eclesiásticos a Xelmírez, ambos personaxes históricos, pero o noso heroe literario é máis antigo, chámase Breogán e fúndese nas sagas atlánticas da noite dos tempos prerromanos. Presentar ao Cid como personaxe real e verídico pola vía literaria da ficción actual é algo certamente incomparable en Europa. E non hai nada máis aburrido que eses futuros pasados reproducidos sucesivamente en estatuas, novelas ou películas nos últimos dous séculos. Esta volta do Cid á ficción patriótica xustificativa é un pésimo síntoma.