25 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Volve La Vuelta. Hoxe os ciclistas volverán pisar terras ourensáns. Unha nova etapa na que os deportistas atoparán estradas recén pintadas para eles, con nova capa de rodadura, e todo o demais. ¡Sorte que teñen! Non a terán entre Sandiás e Allariz, que está a estrada que «mete medo», din os que a usan para dar pedaladas. Pena dos ciclistas. E pena, sobre todo, dos usuarios habituais. La Vuelta serviu para que algunhas estradas levaran un lavado de cara. Sería que lles facía falta, non dubido. Pero non houbo unha planificación, nin tampouco un criterio (o de obxectivo xa depende de cada un, claro) máis alá do que sempre parecen este tipo de cousas: a necesidade dun fachendoso de chegar á casa e poder dicir iso de «isto fíxeno eu». O que nunca apuntan nesas voltas é o de «co diñeiro de todos», porque en política hai moita parte diso, de xestionar (ou tirar) os cartos de todos ao criterio dun só (ou uns poucos), e despois incluso vendelo como se a un lle estiveran facendo un favor. Insisto en que probablemente as estradas que foron obxecto de obras, precisábanas; e os veciños agradecerán o bacheado, máis alá de que non se fixera polas súas necesidades, senón porque viñan os da tele, e non ían saír as estradas cheas de buratos. Non. En Ourense, a imaxe que dá a tele é que as estradas son de película, talmente parece que están todas recén feitas. Xa despois, se un mira un pouco máis alá do que sae no plano da caixa tonta, verá que pouco ten iso de certo. E mellor non entrar tampouco no de rozar, que hai cunetas que non viron pasar unha máquina en meses (que digo meses... parece que en anos). Será que claro, como non pasa La Vuelta...