MAR GIL EN DIRECTO O novo curso da escola silvo-pastoril de Allariz forma profesionais para traballar as explotacións de ovino e caprino
19 nov 2001 . Actualizado a las 06:00 h.Proceden de distintas comarcas da provincia e aspiran a completar un curso no que obterán coñecementos teóricos e ensinanzas prácticas de como manexar un rebaño, dende a alimentación á sanidade pasando pola xestión. Un abano completo para ser realmente útil. Para moitos é o seu primeiro contacto con este mundo; outros son xa veteranos pero, como asegura Alfredo Márquez, de Pena (Xinzo), «todo o que aprendas e vaias vendo, é para mellorar». Deso sabe moito, non en vano comezou fai vinte anos -tras deixar Euzkadi- cunha cabra para ter leite na casa e agora xa pensa en ampliar ata 500 as 257 que hoxe integran a súa explotación. Co relevo xa previsto na cabeza do seu fillo, é optimista sobre o futuro dun sector co que pode vivir dignamente unha familia. «Se o fas racionalmente -explica-, unha persoa pode atender a explotación. Cando hai realmente traballo é na época dos partos, dous meses ao ano». O resto, a tarea é fundamentalmente de pastoreo, de aí a importancia de dispoñer de montes comunais para poder alimentar o gando ou de ter permiso dos veciños para utilizar as súas leiras. «A partir de trescentas cabezas unha familia pode vivir dignamente», engade Márquez, e rubrícao con cifras oficiais: unha explotación de 1.218 ovellas e tres persoas asalariadas reporta ao seu propietario uns ingresos netos anuais de 4,8 millóns de pesetas.