Alba De Evan e Javier Domínguez, autores do proxecto de contos infantís que naceu a partir do programa Voz Natura
28 sep 2018 . Actualizado a las 16:10 h.Javier Domínguez e Alba De Evan eran docentes no colexio Miraflores cando, no desenvolvemento do programa Voz Natura de La Voz de Galicia, coincidiron en que era unha boa idea tentar de sensibilizar aos cativos en temas medioambientais e de natureza por medio dos contos ou de historias infantís. Naceron daquela, e aí siguen, as aventuras de Naturizo, unhas historias dirixidas a nenos de 4 e 8 anos.
Decidiron probar e ir máis alá, remitindo a súa proposta ás editoriais por se fose do seu interese. E a ourensá Linteo, o proxecto dirixido por Manuel Ramos, acolleu con agarimo a iniciativa dos dous docentes e o seu personaxe: o ourizo cacho Naturizo.
As primeiras entregas, catro, xa se publicaron e cada unha delas está dedicada a unha estación do ano. As aventuras deste ourizo contan cunha fonda carga educativa, lúdica, pedagóxica e medioambiental para traballar dende as estacións do ano valores como a amizade ou a responsabilidade, ata hábitos de vida saudables. Javier Domínguez Pérez, que actualmente imparte clases en A Gudiña, e Alba De Evan Freijedo, que está nos Maristas, seguen a traballar a catro mans co seu amigo e o quinto volume das aventuras xa está para saír á rúa e achegarse ás librarías. Desta volta Naturizo vai seguir educando en valores aos máis cativos incidindo no trato e coidado dos animais.
Os libros desenvólvense en espazos como a Serra de San Mamede, Ourense, o río Mao e outros lugares que son facilmente recoñecibles porque nas historias empréganse fotos destes lugares, que logo son tratadas dixitalmente. Alba De Evan di que levan constado que Naturizo «conecte moi ben cos rapaces, resulta atractivo e fai máis valiosas as historias que conta, e iso contribúe a que os nenos se identifiquen coa natureza e aprendan a comportarse e a saber que se debe facer, e que non, cando saes ao monte ou cando estás na natureza. Naturizo busca implicar aos rapaces na problemática medioambiental e vemos que a súa mensaxe chega aos nenos».
Ademáis, os volumes coas historias deste ourizo cacho «van acompañadas en cada exemplar por materiais complementarios. Cada título leva un caderno de actividades para traballar co neno ou coa nena -tanto en casa como na biblioteca ou no colexio- e tamén conta coa letra da canción de Naturizo, coa música do gran Pakolas», sinala Javier Domínguez. As cancións están na canle que Naturizo ten en youtube «e ten a súa propia web, ademais de facebook e istagram», precisa Alba De Evan.
A Feira do Libro de Ourense, o Festiletras de Ponteceso, o encontro de libreiros da Quintana (Compostela) e algunhas visitas aos colexios son actividades que se levan desenvolvido ata o de agora para dar a coñecer o proxecto editorial; outras están en carteira. Por formación e experiencia, os autores saben da importancia que teñen as historias para os rapaces «porque faise necesario educar en valores para formar aos nenos de cara ao futuro, e nestas idades incorporan moitos deles por imitación, de aí que haxa que incidir nestes comportamentos», lembra Javier Domínguez.
A historia centrada no abandono e tratamento dos animais xa está feita, pendente de presentar, e Alba De Evan xa pensa noutras: «Axudar a coidar aos maiores ou afrontar a separación dos pais serán outras entregas».