A ourensá usa o termo «rururbano» para definir as súas creacións
02 sep 2026 . Actualizado a las 05:00 h.A artista e música urbana Ash Diz, nacida en Ourense no ano 2001, desenvolve un proxecto musical propio, moi característico, no que combina a tradición con novos sons. A ourensá comezou a interesarse pola música aos oito anos de idade, recorda, e atopou un punto de inflexión no local de ensaios Espazo Lusquiños da súa cidade natal. Alí foi onde accedeu a instrumentos como a batería e o teclado, dando forma a unha nova maneira de entender a música, antes de cursar os seus estudos de Comunicación Audiovisual na Coruña e Pontevedra, para dar saída ás súas outras paixóns: a imaxe e o cinema.
De moza creou o dúo co que debutou na carreira de San Martiño de Ourense, e a banda Resaca Emocional, desenvolvida xunto ao músico galego Berto Mira. Despois destas etapas e tras pasar por un período de loito persoal, di, a autora consolidou o seu traballo en solitario, pero co acompañamento de músicos para os seus concertos en directo e os seus procesos creativos. A proposta actual da artista lígase á música neotradicional galega e á integración de ritmos locais con elementos electrónicos. Esta liña xurdiu tras a súa asistencia a un concerto de Boyanka Kostova no ano 2019, que a levou a formarse en música tradicional e a integrarse nunha asociación cultural para mesturar sonoridades e influencias de proxectos como os de Baiuca ou Tanxugueiras. «Ensináronme que podía facer música coa nosa lingua coa que empatizar, que podía contar como era a miña vida normal de forma máis contemporánea. Nese momento tiñan ritmos tradicionais galegos, que en lugar de tocalos con pandeireta, eran electrónicos. E gustoume», explica.
A propia creadora emprega o termo «rururbano» para definir as súas creacións musicais, nas que aborda temas como o xénero, a mitoloxía galega ou a xestión de experiencias persoais. No ámbito laboral, a autora compaxina a súa actividade artística co traballo como música de sesión para outros proxectos e coa realización de labores audiovisuais, o que lle permite dedicarse profesionalmente ao sector. Entre as súas vindeiras citas en directo figura un concerto con Nuntia na sala La Fábrica de Chocolate de Vigo o 11 de setembro, así como a súa participación no evento Ceiba Rimas en Rianxo. A súa actividade e os fragmentos do seu traballo atópanse accesibles a través de plataformas dixitais.