Patricia López Rodríguez: «Aprender pandeireta coa túa filla é unha forma de que coñeza a tradición»

Cándida Andaluz Corujo
cándida andaluz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Ximena Bóo López e a súa nai Patricia López Rodríguez
Ximena Bóo López e a súa nai Patricia López Rodríguez SANTI M. AMIL

Nai e filla comparten dende hai catro anos clases de música e baile galego

16 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

A historia de Patricia López Rodríguez e a súa filla Ximena Bóo López é o exemplo de como unha paixón herdada pode converterse no mellor espazo de encontro entre dúas xeracións. Patricia, mestra de 48 anos natural de Xinzo, traballa nunha praza de atención preferente no CEIP O Couto atendendo a nenos con altas capacidades. A súa filla, Ximena, está a piques de cumprir 11 anos e cursa quinto de Primaria. O que as une cada tarde non é só o apelido, senón o interese pola tradición, unha paixón que as levou a compartir clases e concertos de pandeireta, baile e agora gaita. Comezaron hai catro anos —cando a nena tiña 8— e hoxe, ademais dunha afección compartida, é unha maneira de vivir a tradición.

Patricia sempre sentiu ese impulso musical. Durante anos tentou aprender a tocar algún instrumento. «Fun unha gaiteira sen gaita», di. Pero non foi ata que buscou unha maneira de conciliar e compartir tempo coa súa filla cando esa afección calou de verdade. Hai catro anos, decidiron aprender pandeireta xuntas na asociación Loureiro: «Pensei que era unha forma de conciliar Aprender pandeireta coa túa filla é una forma de que coñeza a tradición. Está fenomenal. Compartes algo bonito», sinala Patricia. Aínda que Ximena xa traía a música na herdanza familiar polo seu pai e un tío gaiteiro, foi o impulso de Patricia o que serviu de ponte para lanzarse. «Eu sempre quixen aprender para saber tocar e poder ir ás festas», destaca a rapaza.

Neste camiño de catro anos, a relación entre ambas transformouse nunha complicidade de compañeiras que vai moito máis alá da xerarquía de nai e filla. Pasan practicamente as 24 horas xuntas, coincidindo incluso no mesmo colexio onde Patricia traballa e Ximena estuda. «Estamos ata na sopa», ri Patricia. Pero a música creou un ecosistema de confianza propio onde os roles habituais desaparecen. «Cando vimos ás actividades eu non estou en plan mamá. Estamos en plan compañeiras aprendendo xuntas e estréitase aí un lazo diferente. Cando vimos ás clases desaparece esa relación estrita entre nai e filla de «recolle non sei que» ou «estuda», é outro espazo onde te podes atopar con ela de xeito diferente», sinala Patricia.

Esta estratexia de contaxio cultural funcionou tanto que a «astilla» acabou superando ao «palo» en técnica e velocidade, o que obrigou á profesora a separalas en dous grupos. «Notase, si. Eu pensei que ía ser ao revés, pero non; están a anos luz de nós», comenta a nai.

Patricia asume con naturalidade que as nenas levan outro ritmo e que o grupo necesitaba máis caña. «Con nós, xa sabe, empezaban a aburrirse un pouquiño», explica sobre as rapazas da idade da súa filla que tamén van ás clases da asociación ourensá. Pola súa banda, Ximena confirma ese salto de nivel: «Agora xa tocamos cancións máis rápidas e xa podemos facer muiñeira, xota e pasodobre», explica orgullosa. Este gusto pola música tradicional de Patricia non só contaxiou a súa nena, tamén atraeu a varias amigas de Ximena que se sumaron ás clases da asociación Loureiro e ás actuacións e foliadas por toda a provincia. A paixón de Patricia calou ata o punto de que Ximena pediu o seu propio instrumento de calidade, unha pandeireta do artesán Sanín, que as fabrica para grupos como Tanxugueiras ou Leilía.

Patricia e Ximena comparten tamén unha conexión a través da música tradicional galega, máis alá das clases de pandeireta, baile e gaita de cada semana. Esta afección compartida maniféstase no seu gusto por artistas e grupos galegos actuais como Tanxugueiras, Mondra e Fillas de Cassandra, ós que escoitan xuntas e mesmo seguen en concertos por Galicia.

«Ás veces na casa fai de profesora, agora ela é a que me ensina»

Patricia López Rodríguez recoñece que o seu interese pola gaita era unha conta pendente persoal que quixo compartir coa súa filla: «Como a min me parecía moi tarde, cubro unha necesidade. Animeina un pouco para que me acompañase e agora tamén é a súa paixón». Ese orgullo de nai vese reflectido cando observa á nena desenvolverse nas foliadas, onde a pequena demostra o seu oído e instinto musical: «Encántame vela tocar porque o fai de marabilla e xa vai collendo os ritmos cos gaiteiros, cousa que eu non dou feito». A complicidade é tal que, aínda que na casa non lles dá tempo a practicar pola rutina diaria, a dinámica cambia cando collen os instrumentos: «Ás veces na casa fai de profesora. Agora ela ensíname», di Patricia.

A virtuosidade de Ximena e das súas compañeiras fai que nalgunhas ocasións participe en concertos nos que a súa nai é só espectadora, como o que tivo lugar a semana pasada no Liceo, onde compartiron escenario co grupo de pandeireteiras da entidade cultural.