A mocidade reivindica a vixencia de Otero Pedrayo a través de novos proxectos de investigación
OURENSE
Os IES Ribeira do Louro de O Porriño e Castelao de Vigo gañaron a quinta edición dos premios escolares sobre o patriarca das letras galegas
17 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Os traballos de investigación e divulgación sobre a figura de Otero Pedrayo realizados por alumnos dos institutos Ribeira do Louro (O Porriño), Castelao (Vigo) e Xulián Magariños (Negreira) foron os protagonistas da quinta edición dos galardóns escolares que levan o nome do patriarca das Letras Galegas. O acto de entrega, celebrado na Casa Museo do escritor en Trasalba, no concello ourensán de Amoeiro, serviu para recoñecer o labor das novas xeracións no estudo do autor.
Nesta convocatoria, o xurado decidiu por unanimidade conceder o primeiro premio ó traballo titulado Os camiños da vida, dos alumnos de bacharelato do IES Ribeira do Louro, Noa Rodríguez Muñoz e Sergio Lage. Desta obra destacouse especialmente a excelente documentación, a calidade da imaxe e a súa coidada edición. A segunda distinción foi para o proxecto Un meniño naipelo no espello de 14 lugares: Ramón Otero Pedrayo e os seus veráns en Vigo (1895-1901), elaborado por un grupo de estudantes do IES Castelao de Vigo. Neste caso, o xurado puxo en valor a implicación do alumnado e o seu labor documental. Finalmente, o proxecto presentado baixo o lema «Alon», obra de Juan Mosquera Magariños (alumno do IES Xulián Magariños de Negreira), foi proposto para a súa publicación na revista Trasalba, que edita anualmente a Fundación Otero Pedrayo.
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou na entrega dos premios e destacou o papel deste certame na difusión da cultura galega. «Serve para ampliar o coñecemento entre as xeracións máis novas do patriarca das letras galegas, que se fai especialmente máis significativa nunha edición que coincide coa celebración do Ano Oteriano», afirmou o representante da Xunta sobre o valor do concurso. En relación co impacto dos proxectos escolares, Valentín García subliñou que serven para manter vixente un dos piares do florecemento cultural e intelectual de Galicia e representante dunha xeración que soubo vincular o galeguismo coa defensa da cultura universal e o compromiso coa terra.