Pablo Meixe: «Se me tivera que definir véxome máis como cómico que como creador de contidos»

x. m. r.

OURENSE

Pablo Meixe
Pablo Meixe Mario Fernández

O monologuista estrea «Meixeverso», obra coa que estará este sábado no Teatro Principal de Ourense

02 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Anda Pablo Meixe expectante coa estrea do seu novo espectáculo. «Meixeverso» poderase ver, por vez primeira, en Compostela este venres. Ao día seguinte á estrea, o sábado día 4, Meixe estará coa súa proposta no escenario do Teatro Principal (oito da tarde). Dende que aos 14 anos comezou no mundo do teatro, Meixe ten pasado polo clown e os monólogos. Aos 19 anos iniciouse nun formato que é o que lle ten dado a súa sona e que o levou a participar en sesións cos mellores monologuistas do país. A súa faceta como creador de contidos para redes sociais conseguiu que conte con milleiros de seguidores. A obra está producida por Etiqueta Negra e nas pezas audiovisuais colaborou Álvaro L. Barreiro.

—Que é «Meixeverso»?

—Unha proposta bastante diferente a un monólogo que se afasta bastante do que levo feito ata o de agora. Este é un espectáculo diferente, incorpora audiovisual, música e cambios de vestiario, e vai sorprender. Non se parece en nada ao anterior e haberá moitas sorpresas.

—Aposta por algo diferente?

—Si, é unha montaxe que vai máis alá do que levo realizado nestes anos. E ao incorporar audiovisual e pantalla tamén me tiven que adaptar para manexarme doutra maneira no espectáculo.

—En que formato se sinte máis cómodo, como creador de contidos ou no escenario?

—Manéxome ben en calquera dos formatos. Se me tivera que definir dalgún xeito non tería dúbida: véxome máis como cómico que como creador de contidos.

—A súa presenza social axuda para atraer público?

—Hai de todo. A xente máis animada sae das redes e remata camiñando hacia o teatro e os que non están acostumados, os que son menos interactivos, non contemplan esa posibilidade.

—Que foi antes?

—Levo dez anos facendo monólogos e comedia. Na pandemia foi cando me apeteceu probar algo diferente e daquela comecei facendo pequenos vídeos que colgaba nas redes. E polo que se ve funcionan e teñen o seu público —Meixe ten 75.000 seguidores en Tik Tok e 150.000 en Instagram—. Aínda que o meu, tal e como me vexo, é o ser cómico. É onde me sinto máis a xeito.

—O seguinte paso podería ser o teatro?

—Non é algo que agora mesmo figure nos meus plans de futuro. Aínda que se aparece un proxecto e vexo que é atractivo non o descarto.