Alexandre Corbillón, poeta: «Cando contrastas un pouco as túas culturas sempre medras»
OURENSE
O autor, natural de Celanova, goza dunha estancia literaria en Islandia neste verán
31 jul 2022 . Actualizado a las 22:05 h.Alexandre Corbillón, celanovés de 18 anos, é un dos gañadores das bolsas da Deputación de Ourense xestionadas pola Residencia Literaria 1863. Dende hoxe mesmo ata o 1 de setembro, o poeta poderá disfrutar dunha estancia literaria en Islandia para rematar o seu segundo poemario.
—Que tes pensado estudar unha vez rematado o Bacharelato? E onde?
—Entre as miñas primeiras opcións tiña Psicoloxía e tamén Literatura Galega para poder ser profesor. Mais finalmente escollín Psicoloxía nunha universidade en Cataluña, xa que penso que esta carreira é a que mellor se adapta á miña maneira de ser, á miña maneira de entender o mundo.
—Que supón para ti vivir esta experiencia?
—Significa moitísimo para min, porque é como un broche para finalizar unha etapa como é Bacharelato, e un bo comezo antes de ir á universidade. Creo que é unha experiencia que non podo deixar pasar. Ademais, como fai moi pouco que escribín o meu primeiro libro, crin que era o destino, así que me presentei basicamente por iso.
—Como te sentes nestes momentos previos a disfrutar desta bolsa literaria?
—Non entro en min da emoción, ás veces plantéxome se isto é de verdade ou non. Aínda me atopo un pouco en shock, non o acabo de asimilar ben.
—Tes xa algunha idea para o teu próximo poemario? Cres que Islandia será un lugar decisivo?
—O segundo poemario está xa bastante maduro, case para recoller. O que si, gustaríame darlle unhas últimas pinceladas e revisar todo o material cando vaia a Islandia. E claro, gustaríame inspirarme sobre todo na paisaxe, porque eu collo da natureza esa forza, e creo que Islandia vai ser de moita utilidade. Ademais, creo que iso é o que me chama máis a atención, saír desa zona de confort para poder valorar máis o noso. Cando contrastas un pouco as túas culturas, sempre medras, xa que creo que a riqueza se atopa na diversidade e maduras como persoa.
—Cales foron as túas principais inspiracións?
—O primeiro que me motivou dende pequeno foi o amor, reflectir os meus propios sentimentos, aínda que fun evolucionando e cambiando o meu foco de inspiración. Agora céntrome máis no paisaxismo, describindo as terras galegas. Tamén teño poemas sobre diversas emocións, para reivindicar todo aquilo que penso. A crítica social é algo tamén moi importante no meu poemario, e cada vez máis, non estou moi conforme coa sociedade, xa que creo que estamos involucionando nalgúns aspectos. Sempre fun moi activista nese sentido. Tamén utilizo a música como inspiración. O meu poemario ten unha canción para complementar esa emoción que queren transmitir os versos. Aínda que moitas veces a canción non ten nada que ver co poema, simplemente é a melodía. Para min é moi importante a música. De feito adoito escribir con música de fondo.
—Como recibiu o teu entorno esta noticia?
—Creo que a miña nai está un pouco como eu, moi contenta por min. E aos meus profesores tamén lles fai bastante ilusión, ao final víronme medrar con eles. Quen me deu a oportunidade de presentarme foi o meu profesor de Galego. Hoxe se podo ir a Islandia é grazas a el, porque senón tal vez non estaría gozando desta oportunidade.
Quen é? Que fai?
O DNI
Quen é? Orixinal de Celanova, Alexandre Corbillón acaba de rematar os seus estudos de Bacharelato. Tras esta experiencia literaria, comezará a o grao de Psicoloxía en Cataluña.
Que fai? Gañador dunha bolsa xestionada pola Residencia Literaria 1863. Grazas a esta, poderá gozar dunha estancia en Islandia dende o 1 de agosto ao 1 de setembro para acabar o seu segundo poemario.
Empezando nas clases e continuando en Islandia
Os primeiros pasos de Alexandre no mundo da poesía foron a través duns versos que con sete anos lle dedicaba a súa moza. Máis adiante foi crecendo e a temática e forma dos seus poemas evolucionaron mentres escribía os seus versos nas horas de clase.
Sempre atento a calquera elemento que lle puidera servir de inspiración, Alexandre recoñece que esta pode chegar cando menos a esperas. «Acórdome dunha vez que fun a Madrid, ía no metro e tiven que coller rápido un bolígrafo e un papel porque se me acababa de ocorrer algo e non podía perdelo». E é que a pesares de levar tanto tempo deixando por escrito todo aquilo que o removía por dentro, todas as inquedanzas que tiña e ten, nunca se atrevera a publicalo. «A miña nai foi alguén moi importante. Foi ela a que me deu a idea de xuntar todos estes poemas para formar un libro, porque eu simplemente tiña estes escritos soltos, que me axudaban a superar aquelas vivencias que eu tiña».
Pero grazas ao seu coraxe e ao apoio externo, o seu talento pode ser recoñecido publicamente, levándoo a iniciar grandes experiencias literarias.