Vén a seca

Xosé M. Rodríguez ANACOS

OURENSE

09 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Moito vendernos que o AVE nos ía pór no mapa e agora resulta que nin temos trens para dar resposta a demanda que xeramos. Bo argumento para a campaña mediática de Paula Prado, mágoa non ter prevista a mascarada para o entroido de verán do Carballiño. Daquela, sen os trens Avril e sen chegar os vagóns a Galicia —léase Compostela— a repercusión estaba garantida. Non se pode estar a todo!

Non virán os Avril e o AVE non será o que nos prometeron —como non o foi ese marabilloso servizo de alugueiro de bicicletas de Ourense que pouco xeito tivo nestes anos— mais do que podemos ter certeza é da seca que xa está de camiño. Hai tempo que o cambio climático se converteu no noso principal problema, e como nos teñen dito os que disto saben a provincia rematará por ter un clima máis parecido ao de Andalucía que ao de Escocia, con zonas desertizadas e espazos estragados para sempre de tanto lume e erosión.

O verán do 2022 será o da volta ás verbenas e á nova vaga da pandemia, si, mais tamén aquel no que veciños dalgunhas zonas da provincia van ter serios problemas co abastecemento de auga e mesmo pode ser que rematen tendo que ir á procura dela no municipio próximo ou agardando a ser suministrados polos camións cisterna. E iso provocará a perda de cultivos e outras consecuencias que se irán sumando polo camiño.

De certo haberá moitas cousas que facer e non pouco traballo para pasar a seca como mellor se poda. É dicir, cos menores danos posibles. E ir cavilando nas solucións de futuro xa que isto, polo que se ve, non vai ir a menos.