Teño para min que os galegos somos seres transcendentes, para quen non nos coñece uns soñadores en continuum, e que cada cousa que emprendemos leva canda si a aplicación práctica dos resultados dunha dobre enquisa vital: as conversas tanto co pasado como co porvir. Quizabes por iso tamén coido que os galegos, aínda que vivimos ao noso xeito, nas encrucilladas vitais facémonos preguntas sobre a opinión aprendida dos nosos devanceiros e cando ollamos ao horizonte o que realizamos é unha esculca polo miúdo sobre os posibles indicios do que vai vir. E deste xeito, se ben nos intres de melancolía convertemos ao pasado nese vehículo perfecto que nos permite transitar pola eternidade, nos momentos de euforia somos quen de transformar dun xeito eficiente cada arestoridade nunha nova posibilidade. Eu son, fun e serei, afirmamos tradicionalmente.
Posiblemente nos alicerces desta vida interior transcendente, que opera incesante no plano espazo temporal vital, estea a razón desa opinión, case sempre errada e dabondo inxusta, que afirma rexa e teimuda que os galegos somos excesivamente individualistas. Porén a realidade é que cada galego representa unha sorte de comunidade ancestral viva por que canda el camiñan sempre o seu pasado e os indicios do seu futuro, isto é acompáñano o que foi e aquilo que aínda está por ser. É o espello vivo de Galicia concibida como o conxunto dos que foron, os que somos e os que han vir; a Galicia eterna.
Este retrato que estou a bosquexar non deixa de ser para min máis que un reflexo da forma de ser, sentir e vivir daquelas comunidades que, como a galega, conservan fielmente as súas tradicións conscientes de que o tempo é tamén unha fonte fresca e nidia de experiencia que se acumula xeración tras xeración ata constituír un pozo fondo de sabedoría ao que os seus integrantes acoden cando o precisan para resolveren un problema de presente ou de futuro. De aí que para estas sociedades, nomeadamente a galega, a tradición estea constituída por todo aquilo que debemos conservar posto que supera con nota alta os test que lle impón tanto o tempo como as circunstancias. Por iso afirmo que os galegos somos unha doce mestura de transcendencia e tradición.