Xulia Bande: «Creo que o meu avó estaría orgulloso deste proxecto»

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Santi M. Amil

A colleiteira, da adega Son de Arrieiro, recibirá o premio «Vida entre vides» do Ribeiro

18 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O Auditorio de Ourense acollerá o vindeiro día 25 a décima edición da Gala dos Premios da DO Ribeiro. Xa se foron dando a coñecer os nomes dalgúns dos galardoados e este mércores anunciouse que Xulia Bande, da adega Son de Arrieiro, verá recoñecido o seu traballo co premio «Vida entre Vides» e que o galardón «Ribeiro en nós», de nova creación, será para a película «Cuñados». Xulia Mar Bande Pivida (A Arnoia, 1968) leva toda a vida vencellada ao sector: primeiro coa empresa Servizos Técnicos Agrícolas Xulia e dende hai uns anos coa adega.

—Era o remate á súa traxectoria crear unha adega?

—Si, aínda que é longo de contar porque a vida dá moitas voltas. Tiña pensado poñela en marcha antes pero circunstancias persoais e logo o incendio da casa onde ía estar a adega, cando todo estaba preparado para empezar, foron retrasando o proxecto.

—Chegou e foi a polos premios.

—Sacamos o primeiro viño na colleita do 2015 e déronlle o premio ao mellor tinto de Galicia. Comezar así fai que todo sexa máis complicado porque hai que manter o nivel.

—Pagou a pena o esforzo?

—Sen dúbida. Vivimos bos tempos, antes da pandemia, e creo que volveremos a eles.

—Como valora o premio?

—Cunha satisfacción especial. Nestes anos houbo que traballar duro por sacar isto adiante e que o recoñezan é un orgullo.

—O nome rende homenaxe ao seu avó, o arrieiro Manuel Pivida. Como cre que valoraría a iniciativa?

—El non chegou a velo pero creo que meu avó estaría orgulloso deste proxecto. Nin el o soñou nin eu nunca llo prantexei, pero quero pensar que o traballo feito e os premios e recoñecementos recibidos nestes anos farían que se sentise satisfeito co traballo e o proxecto de Son de Arrieiro.