Un paseo por Las Nubes

Juan A. Añel FIRMA INVITADA

OURENSE

Santi M. Amil

04 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Esta columna debera titularse «O ceo cae sobre as nosas cabezas», xa que o que sirve de escusa para ela é un monólogo con ese título que din fai unha semana en El Pueblo, durante a celebración da Noite Europea das Persoas Investigadoras en Ourense, pero xa fai dous anos que Ruth Nóvoa publicou aquí mesmo unha columna con ese nome e non é cousa de plaxiala. Tamén facendo a columna hai quen me preguntou se ía escribir poesía, así que optei por titulala dun xeito distinto e máis romántico pero referíndome tamén ó ceo. Ademais, o ceo está de actualidade por moi diversas cousas, incluíndo ata volcáns, e permite entrelazar as diversas ideas que me viñeron á cabeza sobre as que escribir. Así que na columna de hoxe vou ir aló da miña usual insistencia sobre temas medioambientais ou científicos.

Quen sexa algo cinéfilo darase conta que o título se corresponde co do filme protagonizado por Keanu Reeves, Aitana Sánchez-Gijón e Anthony Quinn. Se non o viron recoméndollo: Rapaz coñece moza con terras, concretamente viñas, faise a vendima e hai moito amor. É un filme acaído estes días por aquí, inda que as vendimas xa alá foron. Na miña casa meu pai e miña nai miraban para o ceo, se chovía ou non, e pasando de calquera información que puidera darlle o seu fillo que ten algún que outro coñecemento en meteoroloxía, decidiron que tocaba facela fai algo máis de unha semana. Acertaron o día, supoño que miraron a predición na televisión.

Os días de vendima aquí teñen moito menos de romántico e musical que en Las Nubes. Eu de feito teño unha amiga de Costa Rica que tras ver o filme e posteriormente ver unha das nosas vendimas ficou moi decepcionada. Para as xentes do noso campo as vendimas teñen moito máis de traballo, esforzo e de coidar que non teñamos treboadas os días e semanas previos. En definitiva, a nosa xente do campo tamén vive preocupada porque o ceo non se caia sobre as súas cabezas.

Sigamos co ceo, noutra orde de cousas moito máis local escoitamos que Ourense está a tocalo. Persoalmente esas cousas fanme pensar que para ter esa idea da nosa realidade o que ocorre é que máis ben andamos a pasear polas nubes. A min fai xa uns anos que a revista Science me entrevistou como exemplo de xove científico e tiveron a ben titular «Os pes na terra, a cabeza nas nubes». Os pés son tamén importantes, non so tocar o ceo. Contan os rumores que fai anos cando había certas dúbidas sobre impartir un novo título universitario en Ourense ou outra cidade galega, un cargo con peso político que ocupaba unha cadeira na provincia entendeu a importancia do asunto, amosou ter os pés na terra e puxo pé en porta ante a Xunta. O título finalmente impártese en Ourense con éxito dende fai anos. Entanto en Ourense lévase loitando por impartir o mestrado de enxeñería aeronáutica varios anos e semella que os nosos representantes políticos xa non son os que eran, están a tocar o ceo, pero de ter os pés na terra ou poñer pé en porta pouco ou nada.

Volvendo ó feito de que o ceo caia sobre as nosas cabezas: Quen teña lido a Astérix e Obelix lembrará o medo dos galos a elo. Seica estaban moi queimados os galos alá polo 400 a.c. ca de treboadas, lóstregos e chuvias intensas que sufrían e ese era o seu maior medo. Ademais aquelas cousas que non controlaban tiñan que ser cousa dos deuses, non cabía outra explicación. Os galos estarían moi preocupados hoxe en día, o cambio climático está a pegar duro, xa temos moita máis meteoroloxía extrema e o ceo non para de caer sobre as nosas cabezas. Ademais, neste caso literalmente. Un dos nosos últimos traballos de investigación na universidade ven de cuantificar que por mor do cambio climático a estratopausa do noso planeta, que é o tope da estratosfera e que está a uns 60 km de altura, está a achegarse á superficie de xeito constante polo menos dende fai unhas catro décadas e posiblemente dende moito antes. Como resultado en 2080 podemos ter perdido o 3 ou 4 % desta capa da nosa atmosfera. Isto é importante porque pode afectar á navegación de satélites, telecomunicacións e en resumo altera o delicado equilibrio planetario. Cambiar a estrutura da atmosfera do planeta, como poden supoñer non é bo. O único bo é que nos sabemos que non é cousa dos deuses, senón que é cousa nosa, que xa xogamos a ser deuses. Vaia especie damos.

Así que rematando, coide o medio ambiente, teña coidado de que non lle caia o ceo sobre a cabeza en calquera dos moitos xeitos distintos nos que pode, non se endeuse demasiado e pasee polas nubes con algo de amor e poesía no seu día a día. E todo elo fágao cos pés na terra.