«Os lectores son usuarios, pero tamén os propietarios dun espazo libre»

Pablo Varela Varela
pablo varela OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Rosa María Díaz Naya, directora da Biblioteca Pública de Ourense
Rosa María Díaz Naya, directora da Biblioteca Pública de Ourense BRAIS LOUREDA

Rosa María Díaz Naya, directora da Biblioteca de Ourense, aposta pola instalación como un punto de convivencia e formación

29 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

«A semente do gusto pola lectura, se a traballas xa de pequeno, queda para sempre», sostén Rosa María Díaz Naya (Bergondo, A Coruña, 1968). A directora da Biblioteca Nós atópase a diario caras coñecidas na instalación: usuarios de sempre, opositores que, co tempo, despídense agradecidos tras obter unha praza e, en definitiva, xente que atopa alí o seu espazo «porque é un exemplo de liberdade e acollida».

Desde o día 1 de setembro, o horario amplíase novamente ás tardes. En principio, de luns a venres ata as nove da noite e os sábados pola mañá, de dez a dúas, aínda que todo seguirá a expensas da evolución da quinta vaga do coronavirus e os hipotéticos cambios nas medidas de restrición.

—Na fase aguda da pandemia impulsouse o préstamo de libros electrónicos. Segue a ser unha tendencia á alza?

—Tivo moita demanda durante os meses do confinamento, nos máis duros. Aí atopamos a xente que descoñecía este servizo e tivo acceso a el, así que tamén o notaron para aproveitar as novidades que chegaban á biblioteca. Xa en xuño do ano pasado, cando se retomou a vía de solicitar os préstamos físicos, moitos regresaron ó papel e a maioría de préstamos son pola vía tradicional. En todo caso, ó saber que existe a opción dos libros electrónicos, hai xente que aproveita os dous formatos.

—É dicir, que o futuro da lectura non está escrito.

—Hai xente que xa é exclusivamente dixital, pero non é a maioría. Debemos entender que esa vía é un complemento, non unha ameaza. De feito, cas publicacións máis tradicionais, como son as literarias, moitos usuarios que tamén son rapaces tiran máis ó papel.

—Nos anos de YouTube e Twitch, como chegar ós máis novos para inculcarlle o gusto polos libros?

—Pode ser que a lectura esixa un esforzo que, ó mellor, diante dunha pantalla non terías que facer. Pero tamén hai outras vantaxes: se nun libro atopas unha historia que che gusta, iso non o substituirá nada. Por outro lado, promocionar a lectura a través dos youtubers, pola súa influencia entre os rapaces, pode ser interesante. E hai que contar ca figura dos pais, porque os que traen ós máis pequenos, aínda que haxa idades nas que perdes a conexión ou te alonxas disto, sempre volven.

—Pero ó final, compítese polo mesmo: a atención da xente.

—Si, e aí o que é importante subliñar é que aquí temos un espazo onde non se lle pide nada a ninguén para entrar. Todos poden vir con liberdade, a calquera idade. Estamos abertos ós cidadáns porque os lectores son os nosos usuarios pero tamén os propietarios dun espazo libre.

—Como se imaxina a biblioteca do futuro?

—Baixo o meu punto de vista, temos que dar distintas opcións e que non sexa só ler. Ofrecer información, autoformación e un lugar para que a xente pase o rato. Somos unha oferta máis e de tipo acolledor. Moitos usuarios din que veñen aquí a preparar as oposicións, pero tamén a ler prensa e a levar cousas á súa casa. A idea é trasladarlle a todos o que hai no edificio, que é moito, e que o coñezan.

—Vostede apuntaba, xa o ano pasado, que todo pasa por definir a biblioteca como «un espazo alternativo á casa e ó traballo».

—É así. Ás veces búscase o ocio na rúa, pero tamén hai alternativas aquí. Unha biblioteca son moitas cousas á vez. Por exemplo, entre os usuarios que veñen a preparar as oposicións, como pasou este ano, e saen do exame obtendo praza, hai quen volve para das as grazas ó persoal da instalación. Nós facémoslle ver que o mérito é exclusivamente seu, porque o único que facemos é facilitarlles un lugar onde estar. Hai quen estivo dous ou tres anos case a diario na biblioteca, como se viñese a traballar. E ó final, acadou o que buscaba tras moito esforzo.

«A biblioteca pode ser unha boa opción para que os nenos interactúen con máis rapaces»

O traslado da biblioteca pública a San Francisco tivo unha boa acollida en barrios próximos como A Follateira, onde residen familias novas con fillos, que agradeceron ter o recinto moi preto de casa.

A cuestión da atención os nenos é prioritaria para Rosa María Díaz Naya, pola idea de que, a medio e longo prazo, os rapaces sexan usuarios habituais dunha instalación onde tamén atopan o seu oco os estudantes dos centros educativos da cidade e os alumnos do campus universitario. Moitos deles xa son socios da biblioteca.

—Cantos postos de lectura hai dispoñibles na actualidade?

—En mesa, e estando a un metro e medio entre persoa e persoa, serían 238. Nestes momentos poñémolos a dous metros e son 184. En condicións normais son 369 postos de lectura en mesa nas salas principais, e seguramente serían máis se contamos coas aulas de actividades. Non contamos as butacas e postos informais.

—E a bebeteca? Como está funcionando?

—Moi ben. É un espazo específico para menores de cinco anos. Durante o verán fixemos actividades dúas veces ó mes, para bebés, e sempre cheas de xente. E tamén aproveitamos a explanada que hai diante da biblioteca para facer algunhas fóra, co bo tempo. Se tes nenos e o día non acompaña, a biblioteca pode ser unha moi boa opción para pasar o día con eles, porque se entreteñen e aporta moitas cousas positivas. Por exemplo, que os máis pequenos aprecien os libros e interactúen con outros rapaces.

—E no referente ó número de socios? Vai á alza?

—Por aportar un dato: a pesar de que o verán é máis tranquilo, desde o 1 de xullo ata a actualidade, 215 persoas tramitaron a tarxeta de socio na biblioteca.

Unha apaixonada da novela negra, os libros de viaxes e os idiomas

Rosa María Díaz Naya estudou Xeografía e Historia en Santiago de Compostela. As saídas da licenciatura, por aquel entonces, ían orientadas á docencia e a rama da arquivística. Ela optou por especializarse na segunda e, máis en concreto, pola vía das bibliotecas.

En abril do ano 2003 fíxose cargo da Biblioteca Central de Vigo, e, unha década despois, tras ir e vir desde a cidade das Burgas, na que reside, dixo adeus á urbe olívica para dirixir a Biblioteca Pública de Ourense, que anteriormente estaba situada na rúa Concello ata o seu traslado ás beiras do Auditorio Municipal.

Na súa nova ubicación, e co hándicap da pandemia entre medias, Díaz Naya tentou promover unha programación orientada a tódolos públicos. Durante este verán, por exemplo, houbo obradoiros de temáticas diversas para rapaces a partir de seis anos, así como contacontos, e sesións de maxia e robótica para os máis pequenos, orientadas a fomentar a súa creatividade e o achegamento ó mundo da ciencia. Por poñer un caso, en xullo iniciouse o obradoiro «Mulleres con ciencia», con protagonistas como a bioquímica molecular Margarita Salas. O curso abordou a xenética de forma sinxela e través de experimentos. O primeiro deles consistiu na extracción e visualización do ADN a partir dunha fresa e, o segundo, na obtención de pegadas dactilares.

—Que foi o que a levou a vencellar a súa vida ós libros?

—Para comezar, eu son moi lectora. E, por outro lado, unha das saídas naturais da titulación é a das bibliotecas. Decanteime por este mundo e apostei por facer a miña carreira nel ata que, no 2002, saquei a praza. Comecei a traballar ó ano seguinte.

—Con que desconecta vostede do día a día?

—Os bibliotecarios, ademais de coller moitos libros, somos moi de mercalos. Vou a feiras, librarías... É un pracer entrar nunha e ver todas as novidades que hai. Se falamos de xéneros concretos, gústame moito a novela negra, os que facilitan a aprendizaxe de idiomas porque intento facelo pola miña conta case como autodidacta, e tamén os libros de viaxes.

—Hai algún sobre a súa mesa estes últimos días?

—Agora mesmo estou lendo En tierra de Dioniso: vagabundeos por el norte de Grecia, de María Belmonte. Teño gañas de viaxar polo Mediterráneo: ir á Macedonia grega, volver a Roma as veces que sexan precisas. E tamén é certo que con algúns libros gozas máis antes de ir ó lugar en concreto, e iso é case como viaxar dúas veces.