Relatos e imaxes para un confinamento

Por X. M. Rodríguez

OURENSE

MIGUEL VILLAR

Clara Martín e Plácido L. Rodríguez crearon a carpeta «Estado de alarma»

20 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Estado de alarma. Desconcerto. A primavera petando na porta. Logo de axeitarse ao novo escenario, Clara Martín -como asina os seus traballos- botouse a escribir unha serie de relatos tomando como punto de partida unhas fotografías. Por que imaxes? A explicación é sinxela: Clara Martín é irmá do fotógrafo Plácido L. Rodríguez -e do escritor e xornalista Paco López Barxas- e ten acceso ao seu arquivo. «Hai unha serie de fotografías de meu irmán, de diferentes etapas, que sempre me influíron e polas que tiven unha especial predilección. E daquela decidín coller unha fotografía e escribir un pequeno conto, un relato por semana». Comezaron por publicar o traballo nas redes sociais: un conto e unha imaxe cada sete días. E a partir de aí naceu Estado de alarma, unha carpeta con trece relatos de Clara Martín e trece fotografías -máis o agasallo- de Plácido L. Rodríguez. Este último foi o promotor da iniciativa cunha idea ben definida: crear unha carpeta na que veñen os relatos -en castelán e galego- e as imaxes. A maiores inclúense tres fotografías orixinais de Plácido L. Rodríguez -20x30 cm, en papel de algodón e asinadas polo autor- e una presentación a cargo del exprofesor e realizador audiovisual Plácido Romero Bernardo. Só se editaron medio cento de carpetas de Estado de alarma, título que coincide co do último relato. Clara Martín non baralla darlle continuidade ao proxecto. «É algo que quedou vencellado a esa etapa da nosa vida. Todos experimentamos esa sensación nunca coñecida do que foi o estado de alarma e o confinamento, e nese contexto foi onde tiven a necesidade de escribir estes relatos sobre as imaxes do meu irmán das que gardaba un especial recordo. É certo que volvemos estar nun momento delicado, pola segunda etapa dos contaxios polo coronavirus, mais non creo que volvamos a esa fase. En todo caso, xa non sería o mesmo», sinala. Estaba previsto facer a presentación da carpeta o día 14 de outubro, mais daquela volveu de novo o «culpable» de todo isto e houbo que suspender.