A cultura como antídoto doutras pandemias

Roberto Pascual

OURENSE

Imaxe da pasada edición da MIT
Imaxe da pasada edición da MIT Santi M. Amil

O director da MIT reflexiona sobre o papel do teatro e da mostra nos tempos da pandemia do coronavirus

03 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Moi lonxe dun mero entretemento vacuo e a pesar de todas as dificultades engadidas por unha pandemia global, a MIT de Ribadavia celebrou unha edición que para moitas persoas resultou exemplar e que para o equipo que a facemos posible foi máis esixente, pedagóxica e transformadora.

Pasados uns días e coa necesaria autorreflexión que cómpre ter sempre no ámbito profesional da xestión cultural, podemos chegar a unha serie de conclusións arredor das artes escénicas, da seguridade na cultura e do coidado que se lle presta ás iniciativas culturais, ao público e ás persoas creadoras. Non por casualidade, sinaleino acto de inauguración desta MIT tan especial a importancia dos coidados, lonxe do falso mito do talento espontáneo ou da excelencia a baixo custe e sen plan articulado como sociedade ben gobernada. A MIT non só conseguiu demostrar rigor nos protocolos de hixiene e desinfección e combater así os medos enchendo todos os días o auditorio, logrou demostrar algo moito máis transcendente nun momento clave: é sostible, ten identidade e criterio (difícil de manter cando hai que reformular un deseño pensado e planificado con moita previsión) e conta cunha serie de valores que o seu público expande. Pero esa expansión do sentido e do relato que a MIT escribe en cada edición non é froito dun acaso, nin dunha improvisada xenialidade, nin tan sequera da fórmula do seu prestixioso pasado mesturado coa innovación e coa conexión na rede cultural internacional do presente. A MIT prepara sempre un relato que debe ser entendido, facilitado e lido coa maior claridade posible. Debe facer fronte aos retos e aos riscos, pois facer cultura non significa necesariamente contentar, senón tamén interpelar, esixir, cuestionar, comparar, medrar de modo ordenado e diverso.

Temos claro que a MIT significa para moitas persoas excelencia, pero tamén carácter popular, diversidade, pero con concreción, posta en valor das bondades do territorio, pero evidencia daquilo que nos parece mellorable e daquilo que coidamos necesario facer visible, porque moi pouca xente o fará. Nestas circunstancias, nunha MIT expansiva e a ceo aberto, vimos a importancia de manter as infraestruturas (non só construílas, senón mantelas), expuxemos a relevancia do criterio e tamén insistimos en que facer un festival non é escoller espectáculos con máis ou menos gusto. Vimos a relevancia de contar co público adolescente e pór en valor a súa primeira vez na MIT, nunha MIT que abre mentes a lume lento e sen fastos, luces que cegan e artefactos efectistas desconectados da realidade e do contexto. Moitas cousas xuntas sen sentido, en cultura non valen de case nada.

A mellor homenaxe que a MIT pode facer á sociedade nestes momentos de incertidume e recuperación é a dun festival de calidade como servizo público. Un servizo público sólido, que aprende do mellor oficio profesional nos mellores centros culturais do mundo, nas mellores universidades, nos mellores teatros, pero tamén no pobo que nos descobre as posibilidades de consolidación e o sentido da raíz.

A MIT é un servizo público como debe ser a sanidade e a educación, de calidade e con recursos, porque nos presenta os mestres da escena internacional, porque é o inmellorable campamento de verán dos estudantes de Arte Dramática, porque é o alento dun pobo (do seu comercio, do turismo sostible e da súa economía), porque é liberdade e independencia (a que sempre debe ter a cultura e o resto dos servizos públicos), porque é orgullo colectivo e tamén, somos conscientes, envexa de quen entende a cultura como competitividade ou simple negocio (e aí estamos para evidenciar un contradiscurso con notables resultados de progreso social, comunitario e de proxección internacional dende o carácter xenuíno).

Esta crise foi oportunidade para evidenciar aspectos que queremos mudar ou subliñar na consideración da cultura: sen persoal técnico cualificado non hai excelencia, sen habitar os espazos de xeito regular non se xera unha cultura viva e dinámica, sen innovación non hai posibilidade de progreso, sen visión de conxunto, os éxitos individuais carecen de sentido estrutural.

Roberto Pascual é profesor e director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia.