«Come a comarca» chega a Trives

María Doallo Freire
maría doallo OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Cedida

O programa producido por Voz Audiovisual emitirase o martes na TVG

08 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O programa da TVG Come a comarca regresou esta semana ás cociñas e fíxoo dende Fisterra. Agora é a quenda para visitar a provincia de Ourense. O equipo de cociñeiros estará concretamente nas Terras de Trives, onde descubrirán os segredos da súa gastronomía e coñecerán os alimentos máis propios da comarca. O menú a realizar comezará cunha empanada de polo feita con fariña de castañas, á que lle seguirá un guiso de tenreira e para rematar, o doce máis propio de Trives, a súa bica.

No novo episodio que se emitirá mañá martes, ás 22.25 horas, será Anxo Trives, xefe de cociña do Hostal La Viuda, quen se encargue de axudar aos cinco participantes. «Eu apúntome a todo e esta foi unha experiencia moi bonita. Os afeccionados fixérono excepcionalmente ben, de verdade», admite. O chef trivés tamén destaca a importancia de programas culinarios coma Come a comarca: «Pon en valor os produtos da terra e no noso caso tamén a gandería, algo que fai moita falta para que non desapareza a tradición. Este martes verase moita calidade nas cociñas». Déixao aí.

O programa, producido por Voz Audiovisual e que conduce Fran Cañotas, contou nesta ocasión cun equipo da comarca de Trives composto por Luisa Villarino, da Cantina do Catro; Isabel Prada, do restaurante Agenor; e José García, da panadería Terras de Trives. Eles tres enfrontáronse aos cinco membros do equipo do programa que, como é habitual, conta coa axuda dos máis expertos nos pratos a preparar. Carmen Vázquez, de San Xoán de Río, colaborou na elaboración da empanada. Pola súa parte, Luisa e Paco Martínez, de Chandrexa de Queixa, encargáronse de guiar aos participantes na preparación do guiso. Nesta labor tamén colaborou o carniceiro José Carlos González.

Para o broche do menú, o doce máis coñecido de Trives, a súa bica. Os afeccionados tiveron a oportunidade de recoller trucos dunha muller que sabe mellor que a maioría como se fai. Trátase da trivesa Pilar Sánchez, que traballou toda a vida na panadería Luciano, a máis antiga da zona, e é especialista nesta sobremesa. «É un doce que leva manteiga de vaca cocida e que ten varios truquiños. Colléronnos de marabilla e podo adiantar que lles saíu riquísimo», di. Entre as curiosidades recorda que a todos lles chamou a atención o rica que sabe a masa da bica: «Sorprendeulles moito o sabor da pasta antes de se cocer». Pilar explica que o segredo do seu doce estrela é a práctica. «Eu aprendín na casa. Fun probando e probando receitas ata que conseguín a que máis me gustaba», remata.