Operación Teruel Existe

Xosé M. Rodríguez ANACOS

OURENSE

16 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Xa vai sendo tempo de recoñecer que ninguén se leva ocupado de nós, das nosas demandas, reclamacións e necesidades. A provincia esmorece e pouco levamos adiantado, máis ben nada, en comparanza co que se está a facer en territorios semellantes. Vanse argallando cousas aquí e alá, máis non se dá coutado a perda de poboación e o abandono dos lugares e a perda de superficie agraria útil. Queda todo a monte e a xente nova fuxe por non ter onde traballar nin recursos dos que tirar.

A nova labazada chega da man do proxecto da estación intermodal. Coa de anos que levamos na mina xa non sabemos que actuación se vai desenvolver nin como quedará a zona unha vez rematadas as obras. De certo que a proposta mediática foi a de Foster, aínda que non estaría de máis lembrar que xa un conselleiro chamado Alberto Núñez Feijoo presentou o proxecto para intervir na estación de Renfe e no seu entorno sendo alcalde Manuel Cabezas.

As voces que desautorizan a intervención prevista para a zona son cada vez máis numerosas e dende o Colexio de Arquitectos inciden na necesidade de reflexionar e valorar que se vai facer nunha intervención que marcará o futuro da cidade nas próximas décadas.

Tendo en conta o sucedido ata o de agora e tomando como base a nosa experiencia ao mellor habería que pór en marcha a «Operación Teruel Existe». Ao mellor se os ourensáns somos quen de convencelos das nosas demandas, da intermodal a moitas outras, igual temos mellor sorte e nos atenden a xeito.