«Cada entroido figura como cabeceiro do orgullo propio»

Maite Rodríguez Vázquez
maite rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE

cedida

Carlos Xabier Ares gañou o premio Vicente Risco de Ciencias Sociais cun traballo sobre as figuras e personaxes das festas de inverno en Ourense

14 mar 2019 . Actualizado a las 14:04 h.

O premio Vicente Risco de Ciencias Sociais vén de recoñecer o traballo do investigador social Carlos Xabier Ares Pérez, salientando a catalogación de personaxes e figuras do entroido e das festas de inverno ourensás feita cun extenso traballo de campo. É un traballo de 300 folios que publicará a Fundación Vicente Risco.

-«Festividades de inverno na provincia de Ourense: máscaras, personaxes e rituais» é o título do traballo premiado. Que recolle?

-O traballo é un recorrido polas festividades que hai no período desde o solsticio de inverno ao equinoccio de primavera. Empezo no Nadal e remato no entroido. Fago unha parada nos rituais, nas mascaradas ou mecos, buscando unha explicación. A metodoloxía foi cun traballo de campo que comecei hai tres anos, con moitas visitas, a 56 concellos e 150 núcleos de poboación. Son 350 manifestacións distintas.

-O entroido é a festividade con máis peso?

-Todas as festividades teñen importancia. Paro en cada festa, para recoller o ritual, valorar o nivel de arraigo ou se é de nova creación. Concello a concello, deténdome nas manifestacións de cada aldea, explicando a historia de cada personaxe e que resposta ten. Pero si, o entroido é o máis potente en Ourense.

-Por que se interesou polo tema?

-Son de Viana do Bolo e temos o entroido moi dentro. A miña liña de traballo anterior xa estaba enfocada ao entroido, pero en Ourense faltaba unha catalogación. Hai outros libros, pero quería ir máis alá e deixar marcado o que a xente conta, aínda que escrito por min. Foron moitas horas de gravación e transcrición.

-E cada concello valora o seu entroido como o mellor ou destacan os de arredor?

-Cada manifestación de entroido figura como cabeceiro do orgullo propio. O boteiro é o mellor ou o cigarrón é o mellor. Son todos iguais e todos distintos, pertencen aos rituais do ciclo do inverno chamando pola primavera. O ritual, o sentido último, é igual en todos, aínda que cada un ten as súas particularidades e a suma de todas enriquece a provincia de Ourense, que é o centro mundial, penso eu, do entroido.

-Encontrou aínda moita xente que lle contara como eran as celebracións antigamente?

-Entrevistei a xente de máis de noventa anos para recoller o antigo, pero tamén á xente nova que está recuperando. Hai lugares con todo perdido pola despoboación do rural, xa que o entroido é das aldeas.

-E que din, que houbo distorsións ou que se manteñen as figuras como eran antes?

-A esencia mantense. Cambia a escenografía, se antes corrían polo monte, agora é polo asfalto. Se antes o meco ardía nun fiadeiro, agora é na praza. Pero o arraigo está.

-E do resto das festas invernais, hai algo salientable?

-O san Sebastián de Castro Caldelas é unha festa ígnea, de lume. A romaría de san Antón ten arraigo en zonas do Barco ou de Verín. Nunha aldea de Bande celébrano en febreiro e chámanlle o san Antón mentireiro. A festa de Reis ten un ciclo importante na Mezquita e na Gudiña, con moitas figuras, xuntanzas e rituais. Están os cantos de noiteboa na Merca ou as falcatruadas polos santos inocentes.