Luces

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

OURENSE

07 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Nunca tal cousa se viu. Neste mes parece que a xestión de calquera alcalde (de Ourense ou do mundo, polo que se ve) mídese pola cantidade de luces de Nadal que se instalan no Concello e no pronto que se acenden. E dá igual o punto da provincia, que parece que os comerciantes están igual de disparados coa idea de que, se non se acenden os arcos e os arboriños (que teñen que ser moitos e moi grandes), non van vender nada. Cústame crer que ese sexa o problema do pequeno comercio, que hai quince días debatíase entre entrar na febre do Black Friday ou tratar de sobrevivir sen descontos continuos. O problema semella ser moito máis complicado, aínda que moitas veces sexa máis fácil mirar o detalle e obviar cousas moito máis importantes. Está a oferta (non de prezo, que tamén, senón de produtos), está o trato, están os horarios... Están moitas cousas que, en parte, dependen tamén dos propios comerciantes, e que, no canto de mudar, parece que resulta máis fácil mirar cara o alcalde. Son branco fácil. As luces están ben, porque axudan a situarnos no mes que estamos a pesares deste tempo de primavera; pero non semellan o máis importante. Hai xente que, igual que o resto do ano, as pasa rabudas para chegar a fin de mes. E non creo que o alumeado lle traia máis comida á mesa para poder alimentar aos fillos, ou lle sirva para pagar a factura da luz, que esa si que está disparada, pero contra iso non dicimos nada. Bramamos contra as cousas do miúdo, pero ás veces esquecemos as importantes. Tamén cando lle esiximos aos políticos que estean á altura. Sen entrar se é inversión ou gasto innecesario. Cuestión de luces.