«Eu son emigrante por definición»

Fonseca láiase das dificultades para regresar e louva a sanidade e o ensino públicos


ourense / la voz

A ourensá Teresa Fonseca Martín ten 42 anos e unha maneira clara de definirse para esta reportaxe: física e emigrante. Física, polos seus estudos, polo seu traballo de investigación e docencia e porque lle gusta «a maneira de pensar o mundo que teño grazas a esa formación». E emigrante «por definición: saín porque non me daban bolsa e non volvín porque non había traballo en Galicia».

Teresa estudou na Universidade de Compostela. As xestións dunha profesora permitíronlle unha estancia de dous meses no CERN, a prestixiosa Organización europea para a investigación nuclear. «Á xefa gustoulle o meu traballo e ofreceume facer o doutoramento na Northwestern University (Chicago), onde fun grazas a unha bolsa da Fundación Barrié de la Maza».

Ese salto aprendeulle «que non hai que desanimarse ante as dificultades; a vida dá moitas voltas. A min nin se me ocorrera que fose posible doutorarme en Física nos Estados Unidos, pensaba que iso era para outros de vida máis cosmopolita. Tardei en decatarme de que o ensino que recibira na escola pública fora fantástico, un luxo que permite facer realidade os grandes soños».

Os anos entre Chicago e Xenebra foron «estresantes porque eu sempre pensaba que non era suficientemente boa. Hoxe sei que era unha crack!, así que a todas as rapazas que son excesivamente críticas e esixentes con elas mesmas: Parade ese pensamento cada vez que veña! Sodes fantásticas, podedes facer marabillas!».

Desde 2005 vive en Xenebra. Despois de sete anos como investigadora, deixou o CERN hai seis «porque me cansei da inestabilidade laboral. Agora son profesora de instituto de Física e Matemáticas , funcionaria na escola pública de Xenebra. Gustaríame contribuír a que os rapaces aprendan a pensar de maneira lóxica».

Ese segundo salto, da investigación á docencia, deixa entrever unha decisión complexa: «Unha praza na universidade en España era difícil con toda a miña carreira investigadora no estranxeiro e botábame para atrás a carga burocrática e a falta de flexibilidade para cambiar de campo porque os cambios de rumbo non están ben valorados. Gustaríame que na ciencia se tivese un modelo máis renacentista, cun perfil máis aberto».

Desde unha posición que moitos considerarían envexable, Teresa presenta outra versión: «Eu son emigrante. Sentinme privilexiada os primeiros anos porque aprendín moitísimo, coñecín científicos moi interesantes, etcétera, pero é unha frivolidade malvada tratar a emigración coma se fose vacación. É duro non ter tido posibilidade de volver. Se tivese praza na universidade, nun instituto público, en tarefas de divulgación da ciencia ou de desenvolvemento do pensamento científico na infancia, volvería. De feito, a bolsa da Barrié esixía asinar que volverías para reverter os teus coñecementos na sociedade galega. É un compromiso que adquirín con eles, que non esquecín e que me gustaría cumprir, aínda que ata o de agora non tiven oportunidade».

Ademais da familia, os amigos, o peixe e o sabor de verduras e froitas, Teresa Fonseca bota de menos o sistema sanitario español: «Aquí case non existe a sanidade pública e a min prodúceme infinita desconfianza ter que buscar o medico nas páxinas amarelas e que o que el cobra saia directamente de min. Se aplicasen razoamento empresarial, interesaríalles que eu enfermase máis e peor para cobrar máis ou facer probas inútiles. Os seguros acadan prezos moi altos ou directamente denegan certas coberturas para a xente máis vella ou máis enferma. É de tolos! A sanidade en mans de empresas privadas é unha catástrofe. En España hai que defender a sanidade pública e apoiar os bos médicos e profesionais que a manteñen. Privatizala é un negocio moi apetitoso, hai que evitalo».

«Hai moitas Xenebras; o mellor é escoller unha zona e perderse»

Como fermosa e accesible define Teresa a cidade de Xenebra: «O lago e os grandes parques aprovéitanse para concertos e merendas, pasear ou ler deitados na herba. O tamaño permite chegar en bici a todas partes; os carrís para bicicletas e uns transportes públicos eficaces fan que moitos habitantes non teñan coche». Malia o tamaño da cidade, engade, a oferta cultural en cines, teatro e concertos é interesante: «Nas fins de semana de verán organizan festas de barrio, cortan o tráfico e recuperan a cidade para os peóns habitantes, non só para as compras e os turistas». Aos visitantes, recoméndalles pasear á beira do lago e por parques como Perle du lac e o xardín botánico. Tamén, coñecer a cidade vella e visitar a Maison Tavel (gratuíta), que ten unha interesante maqueta da cidade en 1850. Outras propostas son pasear coas bicicletas do servizo municipal gratuíto, e utilizar as mouettes, os barcos do transporte público para cruzar o lago. O billete do bus válido por unha hora inclúe tranvías e barcos. Para sacarlle o máximo partido á visita, Fonseca suxire «escoller unha zona no mapa e perderse por alí porque hai moitas Xenebras que apenas se cruzan: a dos riquísimos, a dos funcionarios internacionais, a dos emigrantes ou a squat (okupas convertidos en cooperativistas)».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
9 votos
Comentarios

«Eu son emigrante por definición»