«Se nos gustaran os retos fáciles, seríamos do PP e non do BNG»

María Cobas Vázquez
maría cobas O BARCO

OURENSE

lolita vazquez

O novo responsable do Bloque en Valdeorras, José Jesús Vilasánchez, quere recuperar a base nacionalista que houbo en tempos na comarca, e desapareceu

14 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Despois da marcha de Manuel Agra, o número 2 do BNG en Valdeorras José Jesús Vilasánchez Feijoo (1960, Mugardos) quedou como secretario comarcal, cargo no que foi revalidado pola asemblea en decembro. Tócalle recompoñer un partido que non pasa polo seu mellor momento, pero tampouco polo peor, di.

-Non é unha terra fácil para o nacionalismo.

-Probablemente sexa a zona máis difícil para o nacionalismo para todo o país. Se nos gustaran os retos fáciles, éramos do PP. (Ri). O meu interese aquí non é realmente conseguir grandes logros inmediatos, senón recuperar unha base nacionalista que polo que fora foise perdendo. Perdemos un concelleiro no Barco, pero tivemos unha alcaldesa na Rúa, que é un fito histórico. Igual a sensación é que estamos peor do que realmente estamos. Como a sensación de que o PP o domina todo, e en cambio o val de Valdeorras ten máis alcaldes doutros partidos que do PP.

-Moitos dos que marcharon do BNG acabaron nas Mareas, pero semella que medra o desencanto con eles. ¿Hai unha volta de afiliados ou só desafección da política por parte da sociedade?

-A nivel de Valdeorras temos volta de nomes importantes, e tamén no país. Un pode equivocarse ou crer en algo, e despois desenganarse. Se algo ten o BNG é estabilidade total. Somos como somos, pero ninguén leva nunca un desengano con nós. A casa era deles e serán ben recibidos.

-Foi o candidato nas últimas municipais, e foi a primeira vez en moito tempo que o BNG non sacaba concelleiro. ¿Que pasou?

-O Bloque pagou a aparición de novos partidos, as divisións internas, os novos nomes...

-Sacou un Riada. ¿Segue sendo a competencia que foi no 2015?

-Non teño nin idea canto era hai dous anos e o que deixa de ser. Non me preocupa. O concelleiro terá que explicar o que fixo e que deixou de facer. O que perdeu é a frescura e o que gañou é a súa historia. Respecto a todos os grupos, e ademais ese non está marcado por nada, só polas súas promesas. Pero o seu fin non é o mesmo que o noso. Poderíamos entendernos coa Marea porque ten un cariz nacionalista; con Podemos non, porque non o ten.

-Semella máis competencia. É difícil pensar que quen votou ao PP vaia apoiar ao BNG, ¿non?

-A xente é moi libre de facer co seu voto o que queira, e tamén ten que ser moi responsable para aguantar coas consecuencias. Si agora vemos un desmantelamento da sanidade e a educación pública, das liñas de transporte e do rural... É evidente que todo iso vén a consecuencia dos votos que se lle deron. Dependerá de como traten aos seus votantes, e vendo como os están tratando, igual ata cambian o voto. É algo que ao mellor tense que ver.

-Dicir iso en Ourense, onde é hexemónico o PP...

-Conseguiron que a xente non relacione o que vota coa consecuencia e convencérona de que política é algo malo. E iso é mentira. Temos que facer ver que é fundamental opinar e falar de política. Despois que fagan o que queiran, pero que opinen e saiban que o seu voto vai condicionar a escola dos nenos, que haxa recursos sociais, sanidade... Cando consigamos politizar á sociedade, será máis libre. Non é normal que a un casting de Gran Hermano vaian 5.000 persoas e nun acto cultural ou político haxa cinco.

-¿Será o candidato no Barco?

-O candidato terao que elixir a asemblea. A estas alturas, salvo grandes candidatos nas cidades, creo que está sen decidir, aínda que haxa nomes que se supoña que vaian ser. Sería lóxico que repetira María [Albert, concelleira na Rúa], pero non quere dicir que a asemblea decida iso.

-¿O seu é un non rotundo?

-Non hai un non rotundo, nin un si rotundo. Encantaríanos ter que facer primarias, secundarias e terciarias de tantos candidatos que houbera, pero non temos ese problema. A min gustaríame que fora alguén máis noviño.

-¿Terán listas en todos os concellos?

-O interese é telas. Hai concellos onde nas anteriores non levamos e agora imos presentar.

-¿Volverán os paracaidistas?

-Non é cuestión de poñer paracaidistas por todos lados. Unha lista pode levar apoio por nivel organizativo, pero a xente ten que saír da zona. Unha lista enteira de paracaidistas non se vai poñer, nin sequera por dicir que presentamos lista en todo o país.

«Fai falta ser valente para ter un cativo no rural»

Enfermeiro de profesión, Vilasánchez chegou en 1991 a Valdeorras procedente de Canarias. Conseguira praza no hospital, no que traballou ata 2011,cando pediu o cambio ao PAC de Viana do Bolo, onde sigue.

-Tivo cargos de responsabilidade na etapa de María Jesús Magadán (PP) na xerencia. ¿Que pasou para que se volvese un activista da plataforma sanitaria?

-Fun director de enfermería en dúas ocasións e supervisor de varios servizos. O problema era que había severas discrepancias sobre como se organizaba e dirixía a sanidade pública.

-¿Non estaba daquelas no BNG?

-Entón era un simpatizante ou un votante; pero cando decidín que me tiña que enfrontar ás políticas que había, decidín militar. -¿Antes era mellor a xestión?

-Eu fun director de enfermería con Dionisio López Bellido, cando era director do hospital de Valdeorras. É unha persoa moi intelixente e preparada en xestión. Non podo falar mal del nese sentido. Pero a miña posición sobre a sanidade rural e a súa non coinciden. El ten un concepto máis de eficiencia da sanidade, e eu falo de eficacia. Na relación custe beneficio, hai beneficios non directos sanitarios que eu contemplo e eles non.

-¿A fixación de poboación?

-Claro, non pode estar o PP dicindo que é o ano do rural cando pecha escolas e recorta servizos. Con esta política sanitaria, fai falta ser valente para ter un cativo no rural.

-¿Había menos política ou era menos do BNG?

-Eu traballaba para o Sergas, non para o PP. E estaba moi orgulloso. Despois como calquera artesán, fas os cestos cos vimbios que tes. Cando cría que tiña que comer unhas políticas coas que non estaba de acordo, dimitín. Política sempre houbo, pero este afán de privatización encuberto nunca o vin.