O reencontro anual con Víctor Prieto

La Voz

OURENSE

Álvaro Vaquero

O acordeonista ourensán actuará o día 19 no Principal xunto a músicos de todo o mundo

10 jul 2017 . Actualizado a las 20:06 h.

Víctor Prieto está de volta. O acordeonista ourensán afincado en Nova York reencóntrase este días coa súa terra para impartir as prestixiosas clases maxistrais, que atraen cada ano a artistas de diferentes países, e nesta ocasión a presenza do artista terá unha maior relevancia na cidade, ao organizar a Deputación de Ourense un concerto seu no Teatro Principal. A iniciativa foi presentada onte no Centro Cultural Marcos Valcárcel nun acto no que participaron Víctor Prieto e o presidente da institución provincial, José Manuel Baltar. A actuación do acordeonista ourensán será o día 19, ás 20.00 horas, e no concerto estará acompañado por unha banda de jazz integrada por músicos de Galicia, Alemaña e Estados Unidos.

Na cita do día 19 Prieto presentará o traballo «The three voices» e no escenario do Teatro Principal estará acompañado do saxofonista norteamericano Chris Cheek, o contrabaixista alemán Hanns Höhn, o batería alemán Benno Sattler, o pianista pontevedrés Alberto Vilas e a violinista ourensá Sara Gil.

Apoio da Deputación

Víctor Prieto, que segundo sinalou José Manuel Baltar Blanco, está «considerado un dos músicos máis innovadores no ámbito do jazz na actualidade», agradeceu o apoio que está tendo por parte da Deputación de Ourense para desenvolver os seus proxectos. Unha relación que tamén serve para recuperar ao artista para a oferta cultural ourensá e para potenciar a súa figura. Dende o organismo provincial o seu presidente definiu ao acordeonista como «un dos grandes embaixadores de Ourense, que non esquece as súas raíces e que conta cunha carreira profesional chea de éxitos, triunfando en Nova York e noutros territorios do mundo e innovando día a día na música do acordeón, fusionando estilos e culturas».

Clases maxistrais

A colaboración entre a Deputacióin e o acordeonista tamén potenciará as clases maxistrais do artista. A edición deste ano celebrarase os días 15 e 16 no Centro Cultural Marcos Valcárcel.