Xeadas nos viñedos

Xosé M. Rodríguez ANACOS

OURENSE

04 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Os viñedos ourensáns semellan saídos desas novas recurrentes que chegan de países lonxanos e que todos rematan por valorar do mesmo xeito. Reflexión que non é outra que a canalizada preguntándose por que outra vez en tal zona e por que se repite un caso semellante ao de hai non sei cantos anos. Aínda que tampouco habería que ir a Asia, Oriente Medio ou África e mesmo poderíamos mirar para a costa galega e lembrar nomes de barcos -Prestige, Urquiola, Casón...-.

Hai anos fíxose famoso no Ribeiro un «demo que mete un estrondo» que parecía anunciar a fin do mundo. Tiña o tal o mesmo nome que a canción do desaparecido Gato Pérez e o ventilador do conto foi presentado case que con honores de corpo diplomático. Ía ser o mataxeadas e o artefacto que ía liberar ao Ribeiro de toda canta catástrofe metereolóxica se quixese meter cos viñedos da mesma. O primeiro, a experiencia piloto, estaría en San Cristovo e logo a partir de aí, e en función da cobertura, irían chantando ventiladores por todas as zonas nas que a xeada deixaba sentir, de cando en vez, a súa gadoupa de morte para os acios garantes da futura colleita.

Vintetantos anos despois estamos na mesma. O ventilador só estivo traballando un par de anos -o diñeiro da Xunta virou en escultura- e ninguén se quixo facer cargo da súa xestión. E resulta tamén que, canción recurrente, os viticultores da provincia manteñen a teoría maioritaria de que os seguros agrarios non pagan a pena -o típico «é un gasto e eu non me adico a isto que só é un ingreso extra»-.

Sempre nos queda rezar.